Gondomar renova o seu parque móbil do servizo de recollida de lixo e limpeza

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado polo edil de Medio e Transición Ecolóxica, Brais Misa, presentaron hoxe a nova frota de camións e maquinaria do servizo de recollida de lixo e limpeza do municipio e que, segundo manifestou, “axústanse á política que desde o goberno local realizamos co obxectivo de converter o noso concello en pioneiro en políticas que supoñan mellorar a vida dos nosos veciños á vez que apostamos pola sustentabilidade e o medio ambiente”.

Os vehículos, valorados en máis de 373.000 euros, inclúense dentro da proposta de adquisición de maquinaria do contrato de Limpeza Viaria e Recollida de Residuos sólidos, e incorporan tecnoloxía de última xeración con maquinaria máis ecolóxica. “O noso obxectivo é reducir a contaminación e o ruído para ofrecer unha contorna habitable máis saudable para todos e todas”, manifestou o alcalde.

Desta forma os novos camións e maquinaria caracterízanse por minimizar as emisións de son e gases de escape; ter a máxima polivalencia para recoller e compactar de forma separada residuos seleccionados en orixe; e, optimizan as condicións de circulación, hixiene e seguridade da lei vixente.

Na presentación, á que asistiu o director da delegación de Galicia e Noroeste de FCC, Ernesto Barrio, entre outros responsables da empresa, explicáronse as características dos dous novos autocamións recolectores, un de carga lateral e outro de carga traseira. Este último traballará nas zonas do rural onde a carga lateral non é posible. Ademais incorpóranse un autocamión de caixa aberta basculante con plataforma para recollida de mobles e aveños en todo o termo municipal.

Súmase a eles outro autocamión de caixa aberta basculante Piaggio Porter, un vehículo eléctrico que, dadas as súas dimensións, facilita o desprazamento do operario a diferentes puntos do municipio para realizar varridos, e se fose necesario, poder retirar algún enser.

Paco Ferreira subliñou que “seguimos sumando” neste ámbito ao lembrar a renovación xa acometida de preto de 1000 contedores no municipio, a repartición de composteiros individuais ou a próxima ampliación e mellora do punto limpo do municipio, do que recentemente se aprobou un novo regulamento para adaptalo á normativa europea vixente.

Anuncios