Dobrete do Turonia GFG nesta fin de semana

Gran fin de semana para o Turonia GFG. Vitoria por partida dobre do equipo feminino e do masculino. Feito histórico, pois estamos ante o primeiro dobrete dos Turoniáns na Liga Galega de Fútbol Gaélico. En dous partidos memorables as dúas seccións do Turonia GFG venceron, o pasado sábado as raparigas impuxéronse ás actuais campioas de Liga no seu propio campo, as Herdeiras de Dhais de Lalín, por 25 a 30, e o domingo, os rapaces, tamén a domicilio, venceron ao Dorna FG da Illa de Arousa, por 19 a 25.

“Non podemos estar máis satisfeitos no Turonia GFG. O club con aínda non dous anos de historia vai progresando deportivamente e os éxitos comezan a chegar. Queda moito por facer e aprender, e para iso necesitamos de traballar duro e contar aínda con máis apoios de toda a boa xente do Val Miñor. Se alguén dos que estades a ler isto agora mesmo sentides curiosidade por saber que é o Fútbol Gaélico? Tedes a porta aberta para vir ver, probar, axudar… Temos xogadores e xogadoras bos e comprometidos, pero queremos seguir a medrar e facer canteira. Queremos que este apaixonante deporte teña continuidade e se asente no noso querido Val Miñor. Se tes xa os 14 anos cumpridos podes vir probar, rapazas e rapaces; adestramos no Campo da Gándara de Chaín (Gondomar) todos os luns e mércores de 21 a 23 horas”, sinalan desde o Turonia GFG.

Este verán que vén celebrarase en Pontevedra o Campionato Europeo de Seleccións de Fútbol Gaélico do 17 a 19 xullo. Polo que aseguran sería un bo momento descubrir este deporte xunto con o Turonia GFG.

O Campionato Europeo de seleccións é un evento internacional que enfronta ás diferentes seleccións existentes dentro do County Europeo, as cales están formadas por xogadoras/es nativos de cada unha das rexións representadas. Este torneo supoñerá o seguinte gran evento dentro do fútbol gaélico europeo, logo da celebración do Mundial 2019 en Irlanda, o cal supón un reto maiúsculo que viría a afianzar a posición de Galicia coma unha das potencias europeas de fútbol gaélico. Unha competición do máximo nivel no que a Selección Galega Feminina ten o reto de defender en casa o título acadado en Lorient (Bretaña-Francia) no ano 2018, mentres que a Selección Masculina quere facerse co trofeo que estivo a piques de gañar tras perder na final contra Francia.

O Fútbol Gaélico é un deporte onde os vellos valores da deportividade aínda están vixentes. Un deporte onde o grupo é fundamental e o equipo está por riba de calquera individualidade. “Ven coñecernos!”, conclúen desde o club miñorano.

Anuncios