A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Ondas na Concheira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activa desde esta noite unha alerta laranxa por temporal costeiro que afectará a todo o litoral galego, e a partir desta madrugada por vento en terra nas provincias da Coruña e Lugo.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espéranse ventos do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir desta madrugada á Mariña lucense, e desde a tarde de mañá tamén ao noroeste, o oeste e o suroeste da provincia da Coruña.

A AEMET tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa en todo o litoral da comunidade, que comezará esta noite no noroeste e o oeste da provincia da Coruña e irá estendéndose dende a madrugada á costa de Lugo e Pontevedra. Agardase mar combinada do sur de ata seis metros segundo a zona chegando aos sete metros no noroeste e no sureste da Coruña, ademais de ventos do sur ou do suroeste que poden acadar forza oito.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Suspensión das actividades no exterior

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender mañá as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora. Segundo o establecido por MeteoGalicia, este fenómeno adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica do noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo.

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.

Recomendacións

A Xunta lembra que, co vento, o mobiliario urbano pode desprazarse e os restos de árbores e pólas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación. Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Unha recomendación que é extensible á pesca deportiva e a outras actividades deportivas no mar. Tamén se insta a extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera outro tipo de actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Debido a alerta laranxa no litoral, é preciso permanecer lonxe da liña de costa, así como evitar aproximarse a diques, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que podan ser varridas polo mar co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.

Ademais, recoméndase tamén consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios