O PP acusa a Ferreira de usar un motivo falso para xustificar a remodelación do seu despacho

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Paco Ferreira na alcaldía.

A Deputación Provincial de Pontevedra concedeu o 11 de decembro de 2017 unha subvención ao Concello de Gondomar para a mellora de accesibilidade á Casa Consistorial por un importe de 51.632,61 euros (47.101,16 euros para a execución da obra e 4.531,45 euros para honorarios de redacción proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde). As obras foron adxudicadas á empresa Braio Multiservicios en abril de 2019, comezando a finais de maio coa modificación das escaleiras de acceso. En xuño a empresa construtora solicita unha prórroga para o remate da obra motivada polo mal tempo, sendo rexeitada pola alcaldía polo tipo de contrato asinado.

O 17 de setembro de 2019 e por Decreto o Alcalde solicita o cambio de aplicación da subvención para a realización de obras de reforma interior da Casa Consistorial de Gondomar, argumentando segundo sinalan desde o Partido Popular que o facía debido a que a obra carecía do permiso de patrimonio. “O Sr. Ferreira mentiu á Deputación Provincial de Pontevedra, porque a obra fora autorizada por Patrimonio con data 11 de setembro de 2018”, argumenta a voceira do PP gondomareño, Paula Bouzós.

A popular asegura que nada se sabe sobre como se resolveu o contrato adxudicado da mellora de accesibilidade á Casa Consistorial nin como se pagaron as obras de remodelación das escaleiras de acceso que era unha partida deste contrato.

“O alcalde contrapón a reforma do seu despacho á necesidade de facilitar o acceso de persoas con problemas de mobilidade á Casa do Concello, que para nós é máis importante. Cremos máis necesario outro tipo de obras que veñen demandando os veciños”, segue dicindo a voceira popular.

“Unha vez máis o goberno municipal actuou ás presas debido á proximidade da data límite para xustificar a subvención, rematando estas obras dúas semanas máis tarde do prazo concedido”, conclúe Bouzós.