Chaín leva o terceiro premio e o segundo de abandeirados no III Concurso de Rondallas

A Rondalla de Pontellas gañou este domingo o III Concurso de Rondallas, organizado pola Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, co patrocinio da Xunta de Galicia. A agrupación, que tamén conseguiu o terceiro premio de abandeirados, recibiu o galardón de mans do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, e representantes dos municipios aos que pertencían as rondallas participantes, entre eles os alcaldes de Gondomar e Nigrán, Paco Ferreira e Juan González.

O segundo premio levoullo a Rondalla Santa Eulalia de Mos, gañadora da pasada edición, mentres que en terceira posición quedou a Rondalla A Merced de Chaín, de Gondomar, que tamén gañou o segundo premio de abandeirados. As Rondallas de Torroso e Herville, ambas as dúas de Mos, foron cuarta e quinta respectivamente. En abandeirados, o primeiro posto conseguiuno a Rondalla Santa Eulalia de Atios, do Porriño. En cuarta e quinta posición situáronse as agrupacións viguesas de Valladares e Beade.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou durante a súa intervención na clausura do III Concurso de Rondallas da Área de Vigo o papel destas agrupacións na cultura popular da nosa Comunidade e agradeceulles o seu “traballo diario para manter viva unha parte importante da nosa tradición”. O responsable de Cultura e Turismo subliñou o compromiso da Xunta con este certame, organizado pola Federación de Rondallas da Área de Vigo co apoio do Goberno galego e explicou que este evento, ao que asisten cada ano preto de 10.000 persoas, dá mostra da importancia da cultura popular na cidade de Vigo.

Na edición deste ano participaron un total de 14 agrupacións, cinco delas da cidade de Vigo (San Mamede de Zamáns, Valladares, Beade, Helios de Bembrive e Freixo), catro de Mos (Santiaguiño de Guizán, Herville, Torroso e Santa Eulalia de Mos), dúas do Porriño (Pontellas e Atios), unha de Gondomar (A Merced de Chaín), unha de Nigrán (Santiago de Parada) e unha de Tui (Pexegueiro de Tui). Todas elas dispoñen de 12 minutos para ofrecer ao público asistente o seu repertorio musical e as súas coreografías.

A Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín

A Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín comezou a súa andaina a principios dos anos oitenta, e despois de ter pasado por diferentes etapas ao longo da súa historia, chega á época actual con máis forzas e entusiasmo que nunca. No ano 2015 Daniel González Troncoso colle a seria responsabilidade de dirixila, el transmítelle á formación todo o seu entusiasmo e dinamismo, buscando sempre maneiras de innovar e de non caer na monotonía.

61 rondalleiros afeccionados de entre os 5 e os 78 anos acompañados de 9 músicos profesionais, ensaian durante catro meses para poder amosar o seu traballo na época do Nadal. Destaca, tamén, a ardua labor do equipo de abandeirados, formado por nove persoas, que elaboran as súas coreografías baixo as ordes de Gonzalo Carbajo Quintas. Estes dous equipos traballan xuntos para lucir o seu bo facer en cada actuación, sempre ante a disciplina imposta polo capitán Manuel González Lago.

A organización da rondalla recae na incansable directiva do propio Centro Cultural, pero a constancia, a ilusión, o traballo e o apoio mutuo e incondicional do director, do capitán, do principal de abandeirados e dos 81 compoñentes é de vital importancia para que esta actividade perdure ano tras ano, e fagan que esta tradición non se perda. O repertorio escollido para este ano foi “Pops in the spots”, “Misirlou”, “Pontevedra Boa Vila”, “I will follow him”, “Dolores” e “La construcción”.

Premiados Rondallas
1ª Rondalla Pontellas
2ª Rondalla Santa Eulalia de Mos
3ª Rondalla A Merced de Chaín
4ª Rondalla de Torroso
5ª Rondalla de Herville

Premiados Abandeirados
1ª Rondalla Santa Eulalia de Atios
2ª Rondalla A Merced de Chaín
3ª Rondalla de Pontellas
4ª Rondalla de Valladares
5ª Rondalla de Beade