Gondomar promove políticas de envellecemento activo para os maiores de 55 anos

O goberno de Gondomar, a través da súa Concellería de Benestar Social, pon un ano máis en marcha unha serie de actividades dirixidas aos maiores de 55 anos do Concello no marco das políticas de promoción de envellecemento activo e atención á poboación con máis idade.

O vindeiro luns, 13 de xaneiro, quedará aberto o prazo de inscrición nalgún dos obradoiros que se programaron nesta ocasión, e que se prolongarán durante todo o ano, atendendo diferentes aspectos como son o coidado da forma física, exercicios para manter activa a mente e facilitar medios para a adaptación ás novas tecnoloxías.

As prazas serán limitadas e os obradoiros quedarán pechados segundo complétense, sempre respectando a orde de inscrición. Os interesados deberán achegarse ata o departamento de Benestar Social achegando unha copia do DNI e un volante de empadroamento no Concello de Gondomar.

Os obradoiros, que comezarán a impartirse a partir do mes de febreiro, serán os de ximnasia de mantemento, informática e “Cultiva a mente”, un obradoiro de memoria que este ano se realizará en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA).

Estes obradoiros, que se impartirán unha vez á semana, poñerán ao alcance dos maiores participantes as ferramentas precisas para promover un envellecemento activo tanto física como cognitivamente, á vez de previr ou detectar posibles deterioracións futuras.

Máis información no Departamento de Benestar Social do Concello de Gondomar.

Anuncios