O goberno local de Baiona, formado por PSOE, Nós e BNG, vén de presentar o seu acordo programático para esta lexislatura, que contempla 28 medidas repartidas en 7 grandes áreas. O alcalde, Carlos Gómez, sinalou que cando os veciños e as veciñas votaron maioritariamente polo cambio nas eleccións municipais do pasado 26 de maio, “abrían unha fiestra ao futuro, un futuro que só pode mirar atrás para rexeitar as prácticas dun goberno anterior caprichoso –caso do campo de golf en Baredo-, débil na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras do Concello ou incapaz de manter a coherencia do propio equipo de goberno, desfeito tras sucesivas dimisións, ceses e abandonos”. Para o rexedor socialista, o proxecto do Partido Popular está “esgotado diante das necesidades de baionesas e baioneses”.
Para Gómez, o novo goberno formado tras o acordo entre PSdeG-PSOE, Nós Baiona e BNG, “nace coa lexitimidade dos votos dos cidadáns e coa vontade de transformar dun xeito progresista e modernizador, o eido social, o produtivo, a participación cidadá, o residencial, a mellora medio ambiental, a igualdade de xénero, o tempo de lecer ou a seguridade”. En resumo, todo aquilo que desde a administración pública pode devolverse en forma de servizos ao conxunto da cidadanía e a cada un dos seus veciños e veciñas.
O alcalde recordou que moitos son os retos e as oportunidades que o futuro abre a Baiona. Tantos como as inquedanzas, esperanzas e ilusións de cada un dos seus habitantes, baionesas e baioneses de todas e cada unha das súas parroquias. “Por elo, o novo goberno local, antes de poñer en marcha a súa axenda de traballo para o período 2019-2020, quere declarar a súa vontade de converterse nun catalizador, un facilitador do cumprimento das aspiracións colectivas e os soños de todos e todas”.
“Non cremos nos milagres –continuou Gómez-, nin descoñecemos as dificultades e atrancos que atoparemos no camiño, pero dúas cousas podemos ofrecer e asegurar: diálogo e traballo. Co diálogo comprometémonos a manter abertas as portas do concello para todas e todos os veciños de Baiona. Un diálogo que se ten que traducir non só en boas palabras senón en feitos, en xestión, en traballo”.
O novo rexedor socialista asegurou que co traballo “tentaremos derrubar as barreiras que parecen impedir a Baiona o seu desenvolvemento territorial harmónico, razonable e equitativo como Vila histórica, cinguida ás súas tradicións e personalidade diversa características. Co traballo tentaremos achegar as mellores ferramentas para o libre e integral desenvolvemento dos novos, das súas oportunidades cara o futuro e, tamén, da necesaria transformación e actualización das nosas infraestruturas de atención social, educativas, sanitarias, de comunicacións, deportivas, de lecer ou dixitais”.
Finalmente, Gómez recordou que o horizonte de traballo para o cuatrienio 2019-2023 de unha tarefa do goberno local en primeira instancia, “pero non debemos esquecer que é ante todo unha tarefa colectiva, que chama e implica a todos os baioneses e baionesas. Con todas e todos contamos, todas e todos tamén saben que poden contar con nós”.
PERSOAL
-Aprobación do Acordo Regulador, do Convenio Colectivo e da Relación de Postos de Traballo (RPT).
ECONÓMICO
-Estabilidade orzamentaria e redución do período medio de pago a provedores.
-Apoio para a instalación, desenvolvemento e modernización das actividades produtivas.
INFRAESTRUTURAS
-Rehabilitación da Casa de Teresina para a ampliación dos servizos municipais.
-Acondicionamento e modernización do Paseo de Pinzón.
-Ampliación ou creación dunha nova gardería e rehabilitación e modernización da infraestrutura escolar.
-Plan para optimizar as prazas de aparcamento, tanto soterrado como en superficie.
-Ampliación e mellora da cobertura dixital que garanta a utilización das novas tecnoloxías e o teletraballo.
-Nova planta potabilizadora de auga (ETAP), sectorización da rede de abastecemento e remate da rede de saneamento.
CULTURA
-Impulso para a normalización do galego.
-“Atlántica”: 40 anos da plástica galega.
-Ampliación e mellora do programa da Arribada e creación do Foro Iberoamericano.
MEDIO AMBIENTE
-Creación do Centro de Interpretación da Natureza na Casa Rosa de Sabarís.
-Recuperación medio ambiental da Foz do Miñor.
ASISTENCIA SOCIAL
-Construción de vivendas de protección autonómica en venda e/ou aluguer en Sabarís (Camiño Real) e Baiona (Rúa Dolores Agrelo) (Plan de Vivenda Municipal).
-Plan contra a violencia de xénero e de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
-Plan de formación e de orientación para o emprego.
-Proposta para a creación dunha residencia de maiores.
-Plan de becas para garantir a escolarización.
PLANIFICACIÓN, ORDENACIÓN E PREVENCIÓN
-Creación dun Plan Municipal de Emerxencias.
-Plan de prevención de lumes forestais.
-Aprobación dun Regulamento de Participación Veciñal.
-Axilización da xestión dos expedientes urbanísticos.
-Plan de mellora da limpeza viaria e de recollida do lixo.
-Programa de mellora da accesibilidade e mobilidade, en especial no Casco Histórico.
-Mellora da atención á cidadanía dos empregados públicos municipais.
-Creación do Consello Escolar Municipal.
-Realización do Plan Estratéxico de Baiona.

