O IEM convoca o concurso fotográfico “Paisaxe e Territorio”

FOTO: IEM // Serra do Galiñeiro.

O Instituto de Estudos Miñoráns convoca o concurso fotográfico “Paisaxe e Territorio: Na Serra do Galiñeiro e na Serra da Groba/A Valga”, que pretende ser un punto de encontro para afeccionados á fotografía e sensibles ás temáticas relacionadas co medio, coa contorna e o patrimonio natural. Poderán concorrer as persoas afeccionadas á fotografía, maiores de idade, sempre que os seus traballos se axusten ás bases do mesmo.

Establécese unha categoría avaliada polo xurado e outra avaliada na rede social Facebook polo público que o desexe. Valorarase a orixinalidade da proposta, capacidade para provocar emocións cara á temática, calidade estética e técnica. As fotografías deberán ser orixinais e inéditas. Poderán ser en branco e negro ou a cor. As fotografías presentaranse en formato dixital en tamaño 30×45 cm (300 píxeles por polgada). Os participantes poderán enviar dúas fotografías como máximo.

As fotografías serán da propiedade do autor/a que se presente ó concurso. As fotografías non levarán marcas de auga, palabras ou nomes que as identifiquen. En ningún caso se admitirán fotografías que supoñan un prexuízo a integridade física ou moral de persoas individuais ou de todo tipo de colectivos. Non se terán en conta para o concurso as fotografías que sexan fotomontaxes.

As imaxes deberán presentarse por correo electrónico (oficina@iem.gal), titulando cada fotografía cun nome. No correo electrónico aparecerán tamén os datos persoais do autor/a (nome e apelidos, DNI e teléfono). Os participantes cumprimentarán e asinarán a folla modelo onde se autoriza a exhibición e publicación das súas fotografías na exposición posterior ao fallo do xurado e nas redes sociais do IEM. O prazo para presentación de fotografías será do 20 de setembro ao 14 de novembro ás 24 horas.

O xurado estará formado por fotógrafos profesionais e por integrantes da xunta de goberno do IEM. O xurado resérvase o dereito da interpretación das bases do presente concurso e da resolución dos casos non contemplados, de acordo co seu criterio. Entregaranse dous premios, un que falle o xurado e outro do público, atendendo ás votacións do público no Facebook do IEM (máis me gusta, máis me encanta). Os nomes dos premiados publicaranse nas redes sociais e na web do IEM a partir do 7 de decembro.

Premios e exposición

  • Premio Xurado: 250 € + revelado en 40×60 + publicación na REM
  • Premio Público: 150 € + revelado en 40×60 + publicación na REM
  • 2 accésit Xurado: Revelado 30×45 + publicación na REM
  • 2 accésit Público: Revelado 30×45 + publicación na REM
  • 14 Finalistas: Publicaranse as súas fotografías na exposición e na revista REM

O IEM revelará as fotografías premiadas en tamaño 30×45 para a súa exposición. O período de votación no Facebook do IEM para o premio do público será do 17 de novembro ao 21 de novembro do 2021. A entrega de premios e a inauguración da exposición fotográfica será o día 17 de decembro do 2021 no Auditorio do Concello de Nigrán.