Gondomar quere que o seu Certame de Rondallas sexa declarado Festa de Interese Turístico de Galicia

Gondomar pechou este luns a súa programación cultural de Nadal coa celebración do tradicional Encontro de Rondallas de Reis, que cumpre xa a súa trixésimo oitava edición. Contou coa participación de 13 Rondallas, 11 delas abandeiradas, cinco procedentes de Vigo, tres de Mos, dous do Porriño, unha de Gondomar, unha de Nigrán e outra de Tui.

Así, durante cinco horas, por segunda vez divididas en dúas quendas, unha de mañá e outra pola tarde, as Rondallas de Pontellas, Santa Eulalia de Atios, Santiaguiño de Guizán, Santa Eulalia de Mos, A Merced de Chaín, Santiago de Parada, Helios de Bembrive, Peña Freixo, Beade, O Mosteiro-Pesegueiro, San Mamede de Zamáns, Herville e Valladares encheron de cor e música as rúas da vila condal.

Unha a unha fóronse formando na Avda. Eduardo Iglesias para posteriormente desfilar ata o Concello, onde despois de saudar ao alcalde, Francisco Ferreira, e ás demais autoridades municipais, e recibir un detalle conmemorativo, ofreceron ao público asistente a súa actuación. Despois, e antes do pasarrúas final pola Avda. Elduayen, tiña lugar o vistoso encontro entre Rondallas e o cruzamento de bandeiras, co que cada agrupación cede a testemuña á seguinte.

No repertorio puidéronse escoitar desde temas tradicionais, rumbas ou pasodobres, ata versións de éxitos recentes como “La Venda” ou “La Cucaracha”, clásicos de Guns N’ Roses, Village People ou Earth, Wind & Fire, temas más festeiros como “Levantando las Manos” ou “Galicia” de Pimpinela, sen esquecer as tradicionais panxoliñas ou as bandas sonoras de películas, como a de “Jesucristo Superstar” ou “Pulp Fiction”.

Hoxe mesmo, o alcalde informou que mañá o Concello de Gondomar iniciará os trámites ante a Xunta de Galicia para que o Certame de Rondallas de Reis sexa declarado Festa de Interese Turístico de Galicia. Ferreira está convencido de que “este certame meréceo despois da súa XXXVIII edición, polo seu arraigamento demográfico, a súa popularidade, a súa tradición, etc…, e porque todas esas xeracións pasadas, presentes e futuras meréceno… Reunimos sobradamente os requisitos esixidos e non cabe pretexto para que non sexa así”.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.