Os Reis Magos de Oriente foron recibidos este domingo por centos de persoas no Pavillón Municipal de Panxón despois de desfilar por Nigrán, A Ramallosa e Panxón. As Súas Maxestades saíron do Concello de Nigrán percorrendo as rúas Rosalía de Castro e Manuel Lemos chegando á Ramallosa, para percorrer as rúas Romana Alta, Damas Apostólicas, Romana Baixa, Camiño da Cabreira e Manuel Lemos e concluír no Centro da Terceira Idade na Alameda de San Campio.
Posteriormente, desfilaron dende as pistas de tenis de Panxón para percorrer as rúas Jesús Espinosa, Mariñeiro e Paseo Marítimo ata chegar ao Pavillón Municipal, onde se realizou a recepción real que outorga aos nenos e nenas a oportunidade de falar directamente con Melchor, Gaspar e Baltasar para transmitirlles os seus desexos.
No seu desfile polas rúas do municipio, as súas Maxestades estiveron acompañados polas motos do club “Vespamiñor” e os seus paxes reais, polo grupo de animación de Zancudos que guían a Estrela de Oriente, pola Rondalla do Centro Cultural de Parada, polo Séquito Real Mariño, polo Séquito Real de Oriente e polos Carteiros Reais, e a continuación as tres carrozas con Melchor, Gaspar e Baltasar.
Espazo Valeiras presentou unha viaxe, a viaxe da Estrela de Oriente, que cada 5 de xaneiro sae do fondo do mar para guiar aos Magos de Oriente a todas as casas e así cumprir cos desexos dos máis cativos e cativas e tamén dos maiores. Abrindo a comitiva, a Estrela de Oriente no su carro de nubes guiando coas bengalas ao séquito de durmilóns que pouco a pouco van entrando en sono, vestidos cos seus pixamas e a súa almofada favorita desfilando como seguindo a Hamelim cara o mundo dos soños, acompañados polas súas durmideiras.
Unha vez durmidos, os seres máxicos do fondo mariño emerxen das augas do mar e inundan a mente das nenas e nenos, Hipocampos de luz, baleas brancas voadoras, peixes alados mesturados con seres mitolóxicos, logo os músicos anuncian o Séquito Real de Melchor, que entre redes prateadas e fachos acompañan á súa carroza. De seguido un grupo de músicos e malabares coralinos anuncia o Séquito do Rei Gaspar, que mantendo as redes prateadas de auga mariña e alumeados por fachos anuncian a chegada da súa carroza. Por último outro grupo de animación xunto co Séquito do Rei Baltasar e tamén alumeando con fachos anuncia a chegada da súa carroza real.

