Sin categoría

Preto de 500 persoas participarán na Cabalgata de Reis de Gondomar

Todo preparado en Gondomar para recibir ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente este próximo domingo, día 5 de xaneiro, na Praza da Paradela, onde saudarán aos nenos e nenas que se acheguen ata alí, e recollerán as cartas de última hora que aínda non depositasen na caixa de correos real.

Os tres Magos sentarán nos seus tronos tras percorrer o centro urbano do municipio a bordo das súas carrozas, na tradicional Cabalgata de Reis que partirá ás 18:00 horas desde a rotonda situada xunto ao Cuartel da Garda Civil, para baixar pola rúa Eduardo Iglesias, percorrer Elduayen e Diego Sarmiento de Acuña ata o Centro Neural.

Preto de 500 persoas formarán a comitiva da Cabalgata, que abrirá a Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, á que se sumarán as tres asociacións de danza do municipio, a Asociación Carnavales de Mañufe e o Centro Cultural de Chaín, escoltados todos eles pola Policía Local.

A literatura, a maxia dos libros e todas as historias que nas súas páxinas esconden, será a temática elixida para o desfile, seguindo o lema “Escribe o teu Nadal” elixido este Nadal en Gondomar, facendo unha chiscadela especial este domingo ao conto de “El Cascanueces”.

O mesmo domingo día 5 os visitantes e veciños de Gondomar poderán volver gozar do Belén Vivente que se mostrará no Parque da Coelleira, a partir das 16:00 horas.