A Praza do Concello de Baiona, ata os topes para dar a benvida ao 2020

Máis de 2.000 persoas abarrotaron este sábado a Praza do Concello de Baiona para recibir o novo ano 2020 ao son das Badaladas de Pinzón, organizadas polo Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, tras o éxito da primeira edición, celebrada o pasado ano na Rúa do Reloxo. O Concello repartiu gorros de Papá Noel, e os locais adheridos ao evento proporcionaron as uvas gratis aos seus clientes. Tampouco faltou o confeti, globos e fogos artificiais.

A festa comezou ás 19:30 co concerto de Broken Peach. Composto por catro voces femininas e batería, baixo e guitarra/piano, podería dicirse que é un espectáculo musical para todos os públicos: nenos de hoxe en día e todos aqueles que levan un neno no seu interior. O seu formato do Nadal “Broken Christmas” componse a base de panxoliñas americanas (Jingle Bells Rock, Santa Claus is Coming to Town…) e unha selección de temas dentro do Gospel e do Soul, aderezados coa súa particular visión da música.

Desde as 22:30 horas, Toula Animación ofreceu o seu pasarrúas “Funky-Party”, no que ao ritmo da música discotequeira dos 80, un par de pernaslongas non pararon de bailar, incitando a todos os presentes a que se unisen á festa. Finalmente, ás 23:00 horas foi a quenda de DJ Enter, que ás 00:00 deu paso ás badaladas, marcadas por un reloxo elaborado polos usuarios e usuarias do Centro Juan María de Parada. Tras unha tirada de fogos de lucería a cargo da Pirotecnia Argimiro Alborés de Nigrán, a festa continuou ata a 1:00 da madrugada.

Anuncios