Baiona entrega os diplomas ás mulleres participantes nos cursos de formación

O alcalde de Baiona e a concelleira de Igualdade fixeron entrega esta mañá dos diplomas ás mulleres participantes nos cursos de manipulación de alimentos, informática básica e atención ao público, organizados no marco do programa de activación para o emprego. Foron 18 mulleres no curso de Manipulación de Alimentos, 12 no curso de Informática Básica e 8 no curso de Atención ao Público.

Estes cursos realizados entre os meses de novembro e decembro, formaban parte do programa posto en marcha pola Concellería de Igualdade e financiado pola Deputación do Pontevedra no que participaron un total de 35 mulleres, encamiñado a mellorar as posibilidades de inserción laboral das mulleres do concello.

Esta iniciativa, posta en marcha a finais de setembro, tiña como obxectivo fomentar a inclusión social e laboral das mulleres do concello, especialmente daquelas pertencentes a colectivos con maiores dificultades.

O traballo levado a cabo para mellorar a súa empregabilidade incluíu ademais destes cursos, 13 sesións de traballo grupal (con visitas a empresas, charlas de responsables de RRHH,…), 138 sesións de carácter individual e un intenso traballo de prospección coas empresas da zona.

Todo isto deu como resultado que o 25% das mulleres participantes xa atopou emprego ademais dalgunha outra que aínda está participando en procesos de selección, ou que outras fosen seleccionadas en itinerarios formativos de longa duración.

Anuncios