“Días Felices” de Teatro do Ar e concerto de Argonat Band na Carrasca

O Concello de Nigrán, en colaboración co C.C.D. Bolos da Carrasca, ofrece este xoves 5 de agosto ás 20:00 horas na Praza da Carrasca a obra “Días Felices” da compañía local Teatro do Ar. Adicionalmente, o venres 6 ofrecerá o concerto de Argonat Band ás 22:00 horas. O consistorio programa ambas actuacións para suplir a non celebración este ano da Semana Cultural, evento que a entidade suspendeu por precaución sanitaria.

O grupo de mozos e mozas de Teatro do Ar presentan unha comedia propia para todos os públicos baseada nun mundo distópico no que desapareceu a risa. A obra, escrita polo director do grupo Pedro Rodríguez Villar, mostra a busca do pallaso Trombón, que traballa nun tanatorio da risa. “É unha forma de reflexionar desde a comedia da necesidade de sermos un mesmo e de ser conscientes da nosa identidade”, explica o autor. A música en directo, a cargo de Lucía Doval, tamén forma parte importante da identidade desta obra.