Nigrán celebrará a súa San Silvestre Solidaria cunha xornada festiva

O Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor celebran por quinto ano consecutivo a carreira San Silvestre Solidaria o sábado 28 de decembro para despedir 2019. A proba deportiva, non competitiva, consta de 6 km e trasládase esta vez á Ramallosa como punto neural, con saída ás 18:00 horas desde a Alameda para ir a Panxón e volver. Os interesados poderán participar achegando ese mesmo día 1 kg de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Municipal a cargo dos Servizos Sociais do Concello, que os distribuirán entre as persoas máis desfavorecidas. A proba rematará na propia Alameda cunha chocolatada e o concerto de Argonat Band (grupo de R&R e Pop configurado por oito acordeóns, violín, gaita, baixo eléctrico e batería que fan versión dos grandes clásicos baixo a dirección de Juan Bande).

A Alameda da Ramallosa será o punto neural da xornada xa que, ademais, durante toda a fin de semana se celebrará nela un mercado artesán con 30 postos, chocolatada gratuíta ás 19:00 horas e animación para os máis pequenos.

O sábado dende as 12:00 terá lugar o I Certame de Rondallas Concello de Nigrán, coa participación das rondallas de Parada (Nigrán), Chaín (Gondomar) e Beade (Vigo).

Non será a única cita deportiva do fin de semana, xa que o Pavillón Municipal acolle o tradicional torneo do F.S. Panxón-Nigrán e os máis pequenos teñen unha cita musical con Ce Orquestra Pantasma o domingo 29 ás 17:30 no Auditorio Municipal.

“A aposta deste goberno polo deporte é total e absoluta e cremos que a mellor maneira de despedir o ano é precisamente facendo deporte, facéndoo en comunidade e divertíndonos para que sexamos quen de incorporalo aos hábitos dos máis pequenos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán e quen iniciou no 2015 a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés con centos de participantes edición a edición.

Anuncios