O CB Nigrán pecha outro ano encestando alimentos

O Pavillón de Panxón acolleu onte a VI edición do Torneo Encesta un Alimento, que se converteu xa nunha cita obrigada do Nadal en Nigrán. Trátase dun torneo organizado polo Club Baloncesto Nigrán en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, o Concello de Nigrán, Caixabank e Frutas Nieves, que xa colaborou nas anteriores edicións achegando froita para todos os nenos participantes. Un torneo moi especial, que ademais do deportivo ten un compoñente solidario moi importante, pois cada un dos xogadores e xogadoras que participan achegan alimentos non perecedoiros para ser entregados a familias de Nigrán.

Na xornada de onte as categorías que participaron foron a de cadete e júnior feminino en horario de mañá, e de tarde déronse cita as categorías alevín masculina, feminina e mixta. A xornada do sábado tívose que suspender debido á situación meteorolóxica, pero desde o club xa se está traballando para buscar unha data alternativa onde as categorías baby, benxamín e infantil masculino e feminino e cadete masculino poidan disputar os partidos programados.

Os partidos foron arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto e árbitros en formación, entre os cales se atopaba algún xogador do CB Nigrán, que participaron voluntaria e desinteresadamente do mesmo xeito que en edicións anteriores. No acto de clausura estivo presente o alcalde de Nigrán, Juan González, e os concelleiros de Deportes, Asuntos Sociais e Igualdade, que entregaron a cada neno/a participante unha medalla que acreditaba a súa participación no torneo.

Os organizadores terminaban a xornada cun gran sorriso na cara declarando que “todo o traballo realizado valeu a pena vendo gozar aos nen@s e terminando ademais coas caixas cheas de alimentos para moitas familias de Nigrán”.

Anuncios