O PP lamenta que acabe o ano sen aplicarse as rebaixas no aparcadoiro do Aral

Os máis de 200 abonados ao aparcadoiro do Aral de Baiona terminarán o ano 2019 sen beneficiarse dos descontos que avala un informe de viabilidade elaborado por unha empresa externa cando o subterráneo pasou a mans do Concello, é dicir, converteuse en público. Ante este cambio, o popular Ángel Rodal, aínda na Alcaldía, considerou que esta modificación debía estar reflectida nas tarifas como así o determinou devandito estudo que se fixo público o pasado mes de maio e que seis meses despois aínda non se aplicou a pesar dos “prexuízos económicos que supón para o peto dos veciños”, apunta Rodal. O responsable deste atraso, apunta, é o goberno tripartito do PSdeG, BNG e Nós por actuar con “ineptitude” e “pasotismo” ante cuestións que afectan directamente á economía dos veciños.

As medidas de desconto recollidas no estudo poderían estar en marcha desde o pasado mes de xuño, o que permitise a todos os usuarios do aparcadoiro do Aral un “aforro importante” de non ser polo “deixamento” e o “capricho do Sr. Gómez” de “priorizar as siglas ao benestar dos veciños”. “O baioneses que residen nas parroquias poderían facer as súas compras no centro urbano, especialmente nestas datas, sen gastarse nin un só euro en aparcadoiro coa tarxeta de usuario os 365 días do ano mentres que o resto de condutores con praza deixarían de pagar unha media de 30 euros mensuais pero o tripartito PSdeG, BNG e Nós prefírennos negarllo por un interese puramente partidista”, axuiza Rodal.

Seis meses para unha modificación que supuxo máis gasto ao Concello

Ademais de privar a todos os veciños deste “aforro” de ata un 50 por cento nas tarifas para as prazas rotacionais e as de aluguer, o trigoberno que encabeza o socialista Carlos Gómez continúa gastando diñeiro público nunha modificación deste estudo. “Están obsesionados en borrar calquera pegada do PP e por iso queren facer seu o estudo a través dunha reforma que supuxo máis gasto para as arcas públicas, pero o que non podemos entender é como se pode tardar seis meses en aplicar unhas medidas que obxectivamente son beneficiosas para os baioneses. Isto só demostra o pouco que lle importan os veciños e a “parálise” na que vive este Concello, máis preocupado polas leas internas que por traballar polo pobo”, xulga Rodal quen lembra que “o informe de maio está axustado ao máximo de forma que supón os maiores beneficios para os veciños sempre respectando a viabilidade para o Concello”.

Para os populares, o que debería facer Gómez é “implantar canto antes as rebaixas que recolle ese informe que xa deixou feito o PP” e que tras seis meses de xestión tripartita aínda segue metido nun caixón a pesar de que “os veciños seguen pagando máis do que deberían por utilizar o aparcadoiro do Aral e mentres este rexedor continúa “desmantelando” o Concello, atentando contra a seguridade dos baioneses e “desprestixiando” o municipio.

Dúas horas gratis coa tarxeta de usuario os 365 días do ano

O paquete de medidas recollidas no informe foi presentado o pasado mes de maio por Ángel Rodal, acompañado do seu equipo de goberno e que se pretendían implantar de forma inmediata, incluía rebaixas de ata un 16% para os usuarios rotacionais, un 15% para os abonados anuais 24 horas, un 20% para os diúrnos así como un 58% para as motos no mesmo réxime pero a xornada completa. Pero os beneficios non terminarían aquí. Se ata ese momento todos os usuarios dispoñían dunha hora de aparcamento gratis de luns a venres laborables de setembro a xuño, coa nova ordenanza avalada por este estudo terían outra hora máis sen custo todos aqueles que abonen o imposto de rodaxe os 365 días do ano no Concello de Baiona. O único requisito, presentar a tarxeta de usuario adquirida previamente nas dependencias municipais.

Ademais, creouse un tramo dirixido a aqueles con contratos de duración determinada fóra dos meses de verán de 67,74 euros mensuais mentres que para quen optase pola tempada estival entre xuño e setembro supoñerían 60 euros, un 13 por cento menos que na actualidade. Os bonos mensuais nesta época tamén sufrirían baixas dun 17 por cento e os quincenais un 15. Para os residentes no centro urbano, a bonificación sumará un 20% máis.

Anuncios