Juan María by Lolola inaugura tenda no Centro Comercial Praza Elíptica de Vigo

O centro especial de emprego “Juan María Empleo S.L.” inaugurou este xoves a súa tenda Juan María by Lolola no Centro Comercial da Praza Elíptica de Vigo, onde se puido coñecer a nova colección de roupa #estrellasparatodos. Ao acto asistiu Jose Santoro, presidente da Asociación, Juan González, alcalde de Nigrán, Covadonga Toca Carús, Secretaria Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, o Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e a concelleira de Servizos Sociais de Baiona, Concepción Vara.

Grazas a unha subvención do programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual en centros especiais de emprego (CEE) da Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Traballo e Seguridade Social, dez persoas con discapacidade intelectual terán o seu primeiro contrato de formación e aprendizaxe durante tres anos.

Ata o momento, as persoas con discapacidade intelectual carecían dun programa formativo que lles permitise unha acreditación oficial dos seus coñecementos e competencias profesionais. Con este proxecto obterán unha certificación profesional de Nivel 1 como Auxiliar de Comercio ademais de varias formacións complementarias ata un total de 2634 horas nos tres anos. O aspecto máis relevante desta formación é que estará baseada na metodoloxía “aprender-facendo”, especialmente efectiva nas persoas con discapacidade intelectual para afianzar os coñecementos e adquirir as destrezas necesarias.

As persoas beneficiarias terán un contrato laboral a xornada completa, na que o 50% da xornada é formación e o 50% é traballo remunerado. A formación realízase no centro de formación da Asociación La Esperanza del Valle Miñor (Centro Juan María) e o traballo realizarase na tenda de roupa inaugurada no Centro Comercial da Praza Elíptica.

O obxectivo deste proxecto, que comezou o 16 de decembro e finalizará o 15 de decembro de 2022, é que, ao final dos 3 anos, os dez traballadores estean perfectamente cualificados como auxiliares de comercio para acceder ao mercado ordinario de traballo.

Juan María Empleo SL é un centro especial de emprego creado en 2014, vinculado á Asociación La Esperanza del Valle Miñor, que ten como finalidade alcanzar a integración plena na sociedade e no ámbito laboral, das persoas con discapacidade.

Anuncios