A Xunta amplía a alerta laranxa por choiva nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta amplía a alerta laranxa por choiva nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, que se suma as xa vixentes por vento en toda a comunidade galega e por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), poden superarse precipitacións acumuladas de 80 mm en 12 horas, e mesmo acadar os 100 mm, no suroeste, o oeste o interior da Coruña; no oeste de Ourense; e na zona do Miño e no interior de Pontevedra. Ademais, no noroeste da Coruña; no sur e nas áreas de montaña de Ourense; e nas Rías Baixas manterase a alerta amarela, podendo recollerse ata 60 mm en 12 horas.

Ante as fortes chuvias, aconséllase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse (pontes, torrentes, etc.), non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade ( bicicletas ou ciclomotores) e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa dende tellados, balcóns e ventás.

A Xunta tamén mantén activada a alerta laranxa por vento na provincia da Coruña, na Mariña lucense, no noroeste de Ourense e nas Rías Baixas por ventos do sur con refachos de ata 100 quilómetros por hora, mentres o resto da comunidade queda en nivel amarelo.

No mar, continúa a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra por ventos de compoñente sur que poden chegar a forza 9 con mar combinada do sur con ondas de ata seis metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios