Unha unidade móbil de doazón de sangue estará este martes en Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A unidade móbil de doazón de sangue en Gondomar.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convida a todos os cidadáns a doar na campaña “Nadal 2019” e, deste xeito, “sumarse ao noso equipo”, tal e como di o lema desta iniciativa especial. ADOS salienta que, nestes momentos, precísase incrementar o volume de doazóns dos tipos A Negativo, A Positivo e Cero Negativo.

Os períodos vacacionais, como o Nadal e as pontes festivas precisan dun reforzo no chamamento á participación dos cidadáns xa que, nestes períodos, pode baixar o número de doazóns pero non sucede o mesmo coa demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais. Neste sentido, lembrar que, todos os días, precisamos entre 400 e 500 doazóns para garantir a axeitada cobertura de compoñentes sanguíneos aos hospitais.

Desprazamentos

As dez unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, visitarán ata o vindeiro 21 de decembro, ao redor de medio cento de concellos galegos para acadar a participación necesaria para garantir o desenvolvemento do intenso labor asistencial dos centros sanitarios galegos. ADOS agarda, nesta oportunidade, contar de novo coa solidariedade e colaboración dos cidadáns. Este martes, día 17 de decembro, unha das unidades móbiles estará na estación de autobuses de Gondomar, de 10:00 a 14:00 y de 16:00 a 21:00 horas.

Como colaborar

Pode doar sangue calquera persoa de máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e, mesmo, salvar a súa vida.

Para máis información, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue dispón de páxinas nas principais redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter), unha páxina web: ados.sergas.es e tamén é posible chamar ao teléfono gratuíto de información para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles: 900 100 828.

Anuncios