O Real Club Náutico de Arrecife gaña en Baiona a Liga Española de Vela

©Sailingshots by María Muiña Photography

A tripulación do Real Club Náutico de Arrecife liderada por Leonardo “Nete” Armas alzouse vencedora, esta tarde en Galicia, da primeira fase da Liga Española de Vela – Trofeo Loterías y Apuestas del Estado, que se celebra en Galicia baixo a organización do Monte Real Club de Yates.

Con 24 puntos na clasificación xeral final, o equipo lanzaroteño logrou unha máis que merecida vitoria tras manterse na cabeza desde o inicio da competición. Tres primeiros postos nas tres roldas disputadas desde o venres pasado na baía de Baiona. En total, 20 probas, nas que os de Arrecife participaron en 12 e lograron asinar seis primeiros e dous segundos postos.

Foron, sen dúbida, a tripulación máis regular e a que menos erros cometeu na auga, e foi precisamente esa a clave que lles permitiu facerse co triunfo final. Á fronte do equipo, o subcampión do mundo e gañador de varias Copas do Rei, “Nete” Armas, que se rodeou de habituais compañeiros seus de navegación, como son Ricardo Terrades, Tomás Fuentes, Gonzalo Morales e Fátima Diz.

Tras finalizar a competición, o patrón e líder do equipo, mostrouse moi satisfeito co bo traballo realizado pola súa tripulación durante as tres xornadas de probas. “Somos -dixo Nete Armas- un grupo de amigos que adoita navegar xuntos, que se coñece ben e aos que non se lle deu nada mal a navegación nos Fígaros do Monte Real. E todo iso xunto, é o que nos permitiu ser campións desta primeira fase e seguir pelexando polo obxectivo de representar a España en Europa”.

A prata desta primeira fase da Liga Española de Vela quedou en Galicia, de man de Miguel Fernández e a tripulación do Real Club Náutico da Coruña (27.5 puntos), formada por Jaime Araujo, Irene Rodríguez e Pablo González. O bronce foise tamén para as Canarias de man do Real Club Náutico de Gran Canaria, liderado polo olímpico e campión do mundo de 420, Onán Barreiros, e completado por María Caba, Guiomar Bonilla, Alejandro Canteiro e Luis Miguel Hernández.

Finalmente non puido entrar no podio de gañadores o equipo do Monte Real Club de Yates, organizador da competición, que quedou ás portas cun máis que meritorio cuarto posto.

Na entrega de premios aos gañadores, celebrada esta tarde en Baiona, participaron o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; e o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez.

Por parte do Monte Real Club de Yates, club organizador, participou na entrega o seu presidente José Luis Álvarez, quen se mostrou moi agradecido coa RFEV por elixir Baiona para a inauguración desta nova competición. Álvarez desexoulle moitos éxitos á liga e confirmou a presenza, en próximas edicións, dunha tripulación do Monte Real.

Esta primeira parte da Liga Española de Vela – Trofeo Loterías y Apuestas del Estado terá unha continuación dentro de dous meses coa celebración de tres novas xornadas de probas en Mallorca, baixo a organización do Club Náutic S’Arenal. Serán os días 14, 15 e 16 de febreiro, a bordo de veleiros do tipo Bavaria B One, e dos resultados de ambas as dúas competicións (Baiona e Mallorca) sairá o representante español para a Liga Europa de Vela, na que España competirá en 2020 por primeira vez.

Anuncios