Choiva de goles do Cereixa no seu encontro co Lume

Choiva de goles na fría tarde do CUVI. O choque prometía xa que enfrontaba aos equipos que dominaron a categoría nos últimos 3 anos e o visitante quedou cos 3 puntos nun alarde de orgullo propio de campión.

Comezaron ben as cousas para o Coperfi Cereixa Gondomar FS cando Esteban nun man a man definía con sutileza picando a pelota ante a saída do porteiro (0-1). Os de Vincios dominaban o encontro e terían un par de ocasións claras para ampliar o marcador pero o Lume tiraba de efectividade para escapar nun parcial de 3-1 ao descanso.

Parecía que esa película xa a viamos, pero tras o paso por vestiarios, a historia cambiaría para alegría dos de Gondomar. A segunda parte comezou con dominio visitante pero sen ocasións claras de gol. Gabi descontaba para o 3-2 cun mundo por xogar e un local que era consciente de que o partido non estaba controlado.

Pero chegou o momento clave do partido cando Luca vía a segunda amarela e deixaba ao Cereixa con 3 en pista durante dous minutos. O local apertaba pero Esteban, Hugo e Seko mantiñan a posesión facendo estéril a superioridade. O Lume FS viuse superado e unha entrada a destempo significaba a expulsión do seu xogador e un 3 para 3 en pista que os de Gondomar aproveitaron para empatar con gol de Seko (3-3).

Quixo o Lume FS desnivelar a contenda coa estratexia pero son moitos anos enfrontándose e Esteban leu a xogada para interceptar e deixar a Gabi e Rubén nun 2 para 1 que acabou en gol deste último (3-4). Intercambio de papeis no 3-5 devolvendo Rubén a xentileza a Gabi para que marque a pracer despois dunha bonita xogada con participación de todo o equipo.

Xogoulla a todo ou nada o Lume FS nos instantes finais con porteiro xogador pero Rubén pechaba o partido cun tiro preciso que entraba para selar a vitoria visitante (3-6). Final e alegría do Cereixa que conquista o CUVI nunha máis que merecida vitoria festexada a ritmo de Jambao.

Anuncios