Anuncios
Ticker de novas

Os madrileños Guzmán e Abellón pechan o persoal do Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

En menos de dúas semanas arranca a tempada 2017 para o Club Ciclista Rías Baixas e o renovado proxecto presidido por José Luis Chamorro completou o seu persoal con dous talentosos corredores madrileños. Jaime Guzmán e Alejandro Abellón dan o salto ao campo Elite e Sub23 tras finalizar o seu proceso de formación na Unión Ciclista San Sebastián de los Reyes, unha estrutura que mantén unha estreita colaboración co conxunto do Val Miñor. Estes dous reforzos elevan a once o número de fichaxes para o bloque que continuará dirixindo Marcos Serrano.

Jaime Guzmán é un prometedor escalador que o pasado ano ocupou a segunda posición no ránking madrileño. Trátase dun ciclista moi lixeiro e capaz de mostrar unha importante regularidade nas voltas por etapas. Desde que se iniciou neste deporte unicamente defendera as cores do Sanse e nas súas filas acumulou un interesante palmarés de triunfos nas categorías inferiores.

Para Alejandro Abellón este cambio de aires tamén supón despedirse do club de toda a súa vida. Do mesmo xeito que o seu compañeiro, este rodador foi convocado pola súa selección autonómica para participar no Campionato de España 2016, onde disputou tanto a proba en liña como a contrarreloxo. Destaca pola súa potencia e por unha punta de velocidade moi efectiva en chegadas ao sprint de grupos reducidos.

Acordo con Michelin

Os dous corredores pousaron coas súas novas camisolas na visita ás instalacións de Michelin España na Comunidade de Madrid. Esta contrastada firma a nivel internacional fornecerá os seus produtos esta tempada ao Club Ciclista Rías Baixas. Un acordo que supón un importante salto de calidade para a formación de Nigrán, que estivo representada neste acto polo seu xerente Gerardo Chamorro.

Unha vez pechado o persoal, cun total de 17 integrantes, a conta atrás para o inicio do novo curso entra na súa recta final. A primeira carreira será o Memorial Sanroma, o 18 e 19 de febreiro en Almagro (Cidade Real). Despois desa toma de contacto coa competición, o cadro miñorano celebrará a súa presentación oficial o venres 24 de febreiro no Parador de Baiona, dous días antes de iniciar en terras estremeñas a súa andaina na Copa de España 2017.

Anuncios