Este mércores celebrouse a III Xornada de Cidades Amigas da Infancia, en Galicia, e ata alí desprazáronse a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Baiona, Concepción Vara, xunto coa concelleira da mesma área do Concello de Nigrán, Bibiana Peixoto.
Concepción Vara considera esta xornada moi positiva “xa que desde as administracións é moi importante traballar pensando en todos, non excluíndo a ninguén, xa que os nenos teñen un papel moi importante na nosa sociedade, teñen os seus dereitos e o noso obxectivo é que todos participen no proceso de cambio do municipio, de buscar un modelo de cidade que cubra as necesidades de todos”.
Cabe destacar que o Grupo Municipal do PSOE, no pleno municipal celebrado hai uns días, presentou unha moción en relación con este proxecto, quedando aprobada a adhesión do Concello de Baiona ao proxecto “Cidades Amigas das Nenas e dos Nenos”. Esta adhesión, que non supoñerá ningún gasto para as arcas municipais, conleva solicitar á Deputación provincial un traballo conxunto e de asesoramento nesta materia. Desta forma o goberno local continúa coas políticas encamiñadas ao benestar dos seus cidadáns.

