Anuncios
Ticker de novas

Araúxo aposta polo sábado como mellor día para o mercado de Gondomar pero Ferreira non o ten claro

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Entre os sete días da semana, o sábado é o día maioritariamente preferido polas vilas da provincia de Pontevedra. Curiosamente o día que menor aceptación ten é os luns, precisamente o día que tradicionalmente se vén celebrando en Gondomar.

Dáse a circunstancia que dos únicos catro concellos que teñen os mercados o luns, dous son limítrofes, competindo Gondomar en inferioridade manifesta, de actividade e número de postos co de Sabarís. A correlación entre luns e sábados é superior a tres.

Logo de estudiar a proposta dun grupo de feirantes e comerciantes que solicitaban que o mercado de Gondomar permanecese os luns, a Concellería de Comercio considera que existen moitas razóns que avalan ao sábado como o día onde o movemento comercial pode ser incrementado substancialmente.

“A vigorización das feiras locais é unha ferramenta utilizada por todos aqueles Concellos que procuran un mercado para os seus produtos e vendedores locais. Se o número de visitantes aumenta significativamente, tamén aumenta o número de clientes potenciais para a Praza de Abastos ou para os cultivadores locais, que poden ofertar produtos, frescos, artesanais, ecolóxicos ou cultivados no Val Miñor”, sinala Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Turismo e Comercio.

Pero tamén, segundo a edil, todos os estudos de economía social ou economía cooperativa, sinalan que existe unha correlación entre a potencia dos mercados locais, e a dinamización do comercio local.

“Temos o reto por diante de consolidar os sábados como un día atractivo en comercio, en restauración, en ocio ou en turismo, no que gondomarenses e visitantes teñan multiofertas de produtos diferenciados, tanto no mercado, coma no comercio que está en permanente declive nos últimos anos na vila; coma na Praza de Abastos, para a que en breve esta Concellería vai subastar novos postos de venda”, engade Araúxo.

“Un mercado con máis visitantes traspasa os seus efectos máis alá do comercio, dá vida a bares e restaurantes. De feito, temos constancia de que existen bares que teñen listas ofertas culinarias concretas para os sábados, como polbo”.

Tanto os estudos do incremento de custes para a limpeza dos sábados, como a asignación en plano de localización para os 93 postos solicitados por 76 feirantes, como os lugares alternativos de apartamento están rematados e pechados, por parte da Concellería.

“Entendemos que existen persoas que prefiren continuar coa inercia dos luns, pero aos responsables políticos nos corresponde ser coherentes, tomar decisións pensando no ben común, nos intereses colectivos. Canto antes sexamos executivos, máis pronto poderemos dar resposta ás expectativas dun Gondomar con maior actividade económica, antes de que se poida producir unha involución das expectativas xeradas tanto nos veciños coma nos vendedores”, conclúe o concelleiro de Turismo e Comercio.

Pola súa banda, o alcalde, Francisco Ferreira, afirma que antes de suprimir o mercado do luns “debe facerse un bo estudo de acompañamento: ocupación da vía pública, sinalización de tráfico, viarios alternativos, servizo de grúa e vixilancia policial, limpeza, ruído…”, ademais de ter en conta as 400 firmas dos veciños opoñéndose e coñecer a opinión da Asociación de Empresarios OVALMI.

Anuncios