A escola da Agrupación Musical de Vincios, beneficiaria das axudas da Deputación

A Asociación Banda de Escola de Música de Beade, a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida de Matamá, a Unión Musical de Coruxo, e a Unión Musical de Valladares, son as catro escolas de música da cidade de Vigo, beneficiarias das axudas ás agrupacións dependentes de asociacións sen ánimo de lucro, que o goberno da Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno.

Na comarca viguesa tamén recibirán estas axudas a Agrupación Musical de Vincios, de Gondomar; a Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso, de Mos; a Banda de Música de Rubiós, das Neves; a Asociación Banda Xuvenil de Xinzo, de Ponteareas; a Asociación Cultural Banda de Música Unión de Guláns, tamén de Ponteareas; a Agrupación Musical do Rosal; e Amigos da Música, de Salceda de Caselas.

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, detallou que “estas axudas en réxime de concorrencia competitiva, teñen un orzamento de 80.000 euros en toda a provincia beneficiando en total a 17 escolas de música de 11 concellos”. Silva aproveitou a súa intervención para subliñar o feito de que “desde a Deputación apostamos pola cultura, para que chegue ao maior número de persoas posibles”. Amais, na mesma liña, resaltou que “apoiamos ás escolas de música da nosa provincia sabendo que é unha obriga para a nosa cultura e tendo en conta que estamos a falar de escolas potentísimas que temos que valorar na súa xusta medida”.

Anuncios