Paco Ferreira pide á Xunta menos política de fotos e máis investimentos para Gondomar

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, lamenta que unha vez máis a Xunta de Galicia “prefira a política de titulares, que tanto parece gustarlle, á colaboración e lealdade institucional con concellos como o de Gondomar, obviando ao seu máximo representante en cuestións que afectan directamente aos nosos veciños e veciñas”.

Refírese Paco Ferreira ao encontro mantido en Vigo pola Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e outros representantes da Xunta, con responsables da Asociación de Empresarios da Pasaxe, na que anunciaron un investimento de 400.00 euros nunha actuación na PO-331 para a mellora dos accesos ao polígono industrial.

Cualifica de positivo o investimento aínda que lembra que inicialmente a cantidade barallada para o proxecto era de 700.000 euros, o que lle leva a preguntarse a Paco Ferreira “a que se destinará o diñeiro restante, e se se atenderán necesidades que o goberno galego ten pendentes coa nosa localidade”.

Nese sentido lamenta que Ethel Vázquez obviase no encontro deste luns a representación da Asociación Veciñal de Vincios, ou da Comunidade de Montes da parroquia “coas que o meu goberno si se reuniu en varias ocasións para coñecer as súas demandas, que plasmaron en alegacións pedindo modificacións no proxecto, sen obter resposta algunha pola administración galega ata o momento”, apunta Paco Ferreira.

Vai máis aló e recrimina a deslealdade institucional nun encontro que “parece máis pensado para obter unha boa foto e achandar o camiño a Feijóo para as eleccións autonómicas que no noso municipio e as súas necesidades”. Afirma que a presenza do alcalde na reunión cos empresarios da Pasaxe serviría para abordar outras cuestións prioritarias como a urbanización do propio polígono.

A ela suma, entre outras, a ampliación das beirarrúas desde A Pasaxe ata o centro de Vincios, “como estaba previsto inicialmente”, ou a mellora de accesos ao Monte Galiñeiro “unha reivindicación xa trasladada á Xunta e que segue sen resposta”. Así mesmo, Paco Ferreira, tamén apunta a posibilidade de que se destinen orzamentos autonómicos á creación dunha senda peonil na estrada Vincios-Morgandáns-Couso.

Por último, lamenta o alcalde, que “cando se fala de investimentos, a Xunta teña sempre en conta a cor política dun concello fronte ao diálogo e as necesidades e demandas dos seus veciños, que é o realmente importante”.