Sin categoría

A CEMMA inicia a súa campaña anual de embarques participativos

A CEMMA dá comezo á súa campaña anual de monitorización mariña das especies de cetáceos a través das Campañas de embarques participativos. A entidade dá comezo ás campañas anuais de seguimento das poboacións de cetáceos para analizar a situación das especies mediante os embarques programados no CHASULA, con base en Cambados, e na MUNÍS, con base en Fisterra, mediante a programación de dous embarques mensuais.

Monitorización da toniña

A especie máis frecuente no noso mar é o golfiño común (Delphinus delphis) seguido do arroaz (Tursiops truncatus), mais o que se pretende é facer un seguimento máis estreito da toniña (Phocoena phocoena) que é unha especie en perigo de extinción, a especie sobre a que debemos centrar os nosos obxectivos de conservación nos vindieros anos para que non desapareza.

As baleas

Na época estival as baleas frecuentan a nosa costa, polo que tamén é necesario prestar atención a estas especies rexistrando a súa presenza. Nas primeiras saídas deste ano xa se rexistraron avistamentos de baleas fronte a Corrubedo.

As candorcas

Neste momento xa saíron, da área do Estrecho de Gibraltar, ao menos un grande grupo de candorcas. Nos anos 2015 e 2019 foron observadas polos equipos da CEMMA nas augas de Fisterra, non se descarta este ano manter o rexistro da especie no seu paso cara ao norte seguindo ao atún.

Actividades compartidas

Os embarques participativos contan coa implicación de moita xente que non é especialista, deste xeito a actividade convértese nunha plataforma formativo-divulgativa moi potente. Este ano contan cos proxectos Friendship orcas e Phocoe-nando que permiten paliar o encarecemento dos custes das embarcacións. Pode accederse á información relativa á participación e requisitos a través da web da CEMMA.