Galicia promove os seus portos deportivos no Salón Náutico de París

FOTO: MONTE REAL CLUB DE YATES

Galicia promove desde hoxe e ata mediados de decembro a súa oferta de turismo náutico e os servizos dos seus portos deportivos no Salón Náutico de París. Trátase dun dos certames máis relevantes de Europa vinculados a este sector no que participan máis 800 expositores de 25 países e que só na edición do ano pasado foi visitada por máis de 200.000 persoas.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitaron hoxe a feira na que a Comunidade galega participa cun expositor na área dedicada a turismo para reforzar a imaxe do destino Galicia no mercado e segmento náutico francés con especial incidencia en produtos e recursos relacionados coa oferta de turismo náutico e xeral de Galicia.

O Salón Náutico de París -no que Galicia participa desde hai 20 anos- tamén posibilitará a toma de contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector que teñan presenza no certame. Por iso, ademais da parte estritamente turística a través da Consellería de Cultura e Turismo, dentro da súa liña estratéxica de promoción da náutica recreativa en Galicia e do sistema portuario autonómico, a Xunta tamén ten presenza estes días a través de Portos de Galicia.

O ente público dependente da Consellería do Mar asiste a este tipo de certames co obxectivo de difundir a súa aposta por un sistema portuario integrado, un sistema único que contribúa a gañar en competitividade, e de promocionar as potencialidades das súas infraestruturas e servizos portuarios. Ademais coa presenza en certames como este Galicia reforza o seu posicionamento internacional en turismo náutico ao que contribúen cifras como a de tránsitos acadada o ano pasado polos portos náuticos, que recibiron por primeira vez máis de 10.000 embarcacións náutico-recreativas.

No eido estritamente turístico o mercado francés é un dos mercados dos que proceden máis viaxeiros. Concretamente é o sexto, por detrás de Portugal, Alemaña, EEUU, Italia e Reino Unido. No que levamos de ano recibimos máis de 73.000 viaxeiros franceses que fixeron máis de 121.000 noites.

Anuncios