Os traballos de rehabilitación da ex colexiata de Santa María de Baiona avanzan a bo ritmo e estarán rematados a finais de xaneiro. Polo momento a edificación continúa mostrando unha imaxe pouco usual na que as estadas e as teas de protección ocupan gran parte do seu interior e fachada aínda que todo apunta que será por pouco tempo. Os operarios traballan durante todo o día mentres que os camións entran e saen do recinto con entullos para que a igrexa poida volver á normalidade canto antes. O seu párroco, Manuel Salcidos, explicou que as intervencións máis importantes están feitas e quedaría por acabar unha pequena parte das cubertas, “e algún floco máis” ademais de realizar as tarefas de limpeza correspondentes.
O conxunto arquitectónico pechou as súas portas ao público no pasado mes de maio tras décadas ofrecendo un servizo ininterrompido aos fregueses da vila mariñeira, pero os problemas de humidades e filtracións que se foron agravando co paso dos anos obrigaron ao seu peche temporal e a un investimento por parte da Consellería de Cultura de máis de 500.000 euros. A súa clausura levou aparellada o traslado das misas á capela de Santa Liberata, que durante todo este tempo celebráronse con normalidade, a pesar dos temores iniciais derivados do exceso de aforo nas cerimonias en tempada estival. “As que contan con máis afluencia de fieis son as que levan a cabo entre xullo e agosto, pero finalmente desenvolvéronse con total normalidade. A capela non é pequena precisamente, goza de bastante capacidade”, explicou o párroco.
As actuacións iniciadas fai xa sete meses centráronse na renovación das cubertas, a reparación da estrutura de madeira sobre a que se asenta, rexuntado interior das pedras e o reaxuste das súas vidreiras. Todo para devolverlle o illamento perdido á edificación e que estaba a dar como resultado filtracións de auga, podremias nas vigas de madeira e manchas de humidade. Ademais de acelerar a deterioración dos diferentes elementos decorativos internos.
A imaxe actual do interior da ex colexiata pouco ten que ver coa que nos ten afeitos, os bancos corridos utilizados polos fieis foron substituídos por multitude de estadas e plataformas de diferentes tamaños. A maioría dos motivos foron retirados mentres que o material de obra campa ás súas anchas, o que si é perceptible é a diferenza de cor das paredes da nave central, xa restauradas, mentres que o retablo continúa envolvido con plásticos á espera que finalicen as obras para volver lucir como outrora.

