O Vigo-Rías Baixas crea o seu equipo júnior

A estrutura do Vigo-Rías Baixas segue crecendo. A entidade presidida por José Luis Chamorro contará a próxima tempada cun persoal que competirá na categoría júnior. O director deportivo baionés Sergio Moldes estará ao volante deste proxecto.

A creación deste conxunto supón un paso máis na aposta do conxunto flúor polos novos talentos. O Vigo-Rías Baixas sempre tivo as portas abertas para corredores en idade júnior e agora decidiu poñer en práctica nesta categoría formativa o mesmo método de traballo que vén aplicando con éxito no equipo Elite e Sub-23.

O persoal júnior exercerá na práctica de “filial” da formación que dirixe Marcos Serrano. “A base, sobre todo en Galicia, necesita un impulso. En máis dunha ocasión tivemos que buscar noutras comunidades corredores con proxección porque na nosa terra non os atopabamos. Por ese motivo, consideramos este novo proxecto un investimento de futuro”, explica Chamorro.

Coa experiencia na dirección de Moldes, técnico procedente do Aleata-Farto, o equipo júnior do Vigo-Rías Baixas disputará as probas do calendario galego e desprazarase a outros puntos da península ibérica. A dirección do club foi captando corredores durante os últimos meses e xa dispón dunha sólida base á que se seguirán incorporando ciclistas nas próximas semanas.

Ademais, antes de que finalice o 2019, o club olívico anunciará novos reforzos para o seu equipo Elite e Sub-23. De momento, desvelou seis altas: Mauricio Moreira, Noel Martín, Víctor Etxeberria, Iñigo González e os ciclistas procedentes do campo júnior Brais Gómez e Manuel Sampedro.

Anuncios