Gondomar habilitará unha bolsa de estacionamento para máis de 150 coches

O Concello de Gondomar habilitará moi preto do centro urbano unha superficie de 2.500 metros cadrados para o estacionamento de máis de 150 coches. Así o anunciou o alcalde, Paco Ferreira, en declaracións á Cadena Cope. Trátase dunha parcela moi próxima ao novo centro de saúde, cuxa apertura está prevista para o próximo mes de abril, e que segundo advirte o rexedor, “cambiará o fluxo de vehículos a esa zona”.

Ferreira adiantou ademais que se está traballando na creación de máis bolsas de aparcadoiro “para que a xente poida vir máis comodamente a Gondomar a facer as súas compras e a pasear e gozar do pobo”. O rexedor lembra que a remodelación da Praza Paradela, “un espazo que queda totalmente humanizado e libre de coches de 6.000 metros cadrados”, supuxo a eliminación dunhas 40 prazas de estacionamento e obriga á reestruturación do tráfico nas rúas adxacentes.

Por tal motivo o mesmo martes púxose en marcha a 1ª Fase do Plan de Tráfico para o Centro Urbano. Deste xeito, reordenouse a circulación nas rúas Pereiras, Emigrante, Ánimas, Levada do Beco e Avda. do Conde, pasando todas elas a ser de sentido único de circulación cunha mellora na seguridade viaria e fluidez circulatoria facilitando o tránsito de autobuses e transporte pesado cara ás parroquias de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso e viceversa.

Estes cambios tamén supoñen un aumento do número de prazas de aparcadoiro, xa que se aproveitan as súas marxes para novos estacionamentos. O estudo realizado pola Xefatura da Policía Local determina que as 48 prazas de estacionamento para turismos existentes nas devanditas rúas pasan a ser 99, o que supoñerá un incremento do 106% nunha zona urbana necesitada de aparcadoiro público.

A rúa Pereiras pasa a ser de sentido único ascendente e a rúa Emigrante e Avda. do Conde terán sentido único descendente; mentres que as rúas perpendiculares: rúa das Ánimas conectará a rúa Pereiras coa rúa Emigrante e a rúa Levada do Beco unirá a rúa Emigrante coa rúa Pereiras.

Anuncios