Segundo posto para o gondomareño Danny Buba no Ciclocrós de Pontevedra

Co IV Ciclocrós Concello de Pontevedra deu inicio este sábado a fin de semana de bicicletas e barro na cidade do Lérez. O gondomareño Danny Buba foi o segundo clasificado na categoría cadete desta sétima xornada puntuable da Copa Galicia, unha cita que serviu de antesala para a proba da Copa de España que se celebrará este domingo.

O hipódromo de Campañó acolleu esta proba organizada polo Club Deportivo Pinarium, na que venceu Iván Fernández. O representante do Avanza marcou un tempo de 29:03, batendo por 1:22 ao ciclista de Gondomar, integrante do Coruxo. André Martínez, tamén do Avanza, cruzou a liña de meta en terceira posición, a 1:52 do gañador, mantendo o maillot de líder da Copa Galicia na categoría cadete.

A cerimonia de podio contou coa presenza de Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra; de Pablo Beis, por parte do C.D. Pinarium; de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo (FGC); e de Óscar Sánchez, directivo da FGC.

A Copa Galicia regresará o vindeiro venres coa súa oitava xornada en Boiro, pero antes o espectáculo da Copa de España tomará este domingo, dende as 9:00 horas, o circuíto da Illa das Esculturas en Pontevedra.

Anuncios