O PP de Gondomar denuncia o pésimo servizo de comedor escolar nos colexios do municipio

O Partido Popular de Gondomar denuncia o lamentable servizo de comedor escolar que está prestando a empresa “Alimentación Saludable Gallega, S.L.” a quen o Concello de Gondomar adxudicou o ano pasado o contrato para a prestación deste servizo por un importe total de 494.100,00 €, por un período de dous anos.

A voceira do PP de Gondomar afirmou que varios pais e nais de alumnos dos colexios públicos de Gondomar dirixíronse ao partido para informar sobre o pésimo servizo de comedor escolar que se está prestando nos colexios. Acusan ao Concello de deixamento de funcións e pasividade ante os escritos presentados por rexistro denunciando o tema, sen que nin o alcalde nin a concelleira de Educación e a de Sanidade fagan nada ao respecto.

Denuncian tamén que a empresa non cumpre coa programación dos menús, xa que o día 26 de novembro se rexeitou unha partida de puré que non estaba na carta. Ao mesmo tempo queren deixar constancia da falta de mesas quentes para a conservación dos alimentos que chegan aos centros sobre as 11 da mañá e que non son servidos ata as dúas da tarde.

Segundo sinala Paula Bouzós, foi tal o malestar dos pais que a dirección do Colexio Chano Piñeiro de Gondomar remitiu un escrito aos mesmos para tranquilizalos, indicando no mesmo, que nos diferentes días nos que o menú chegou en malas condicións a dirección do centro tomou cartas no asunto e rexeitaron varias partidas de menús ao consideralas que non eran aptas para o consumo, pondo os feitos en coñecemento da concelleira de Benestar Social e Sanidade do Concello de Gondomar.

Dáse a casualidade que a empresa “Alimentación Saludable Gallega, S.L.”, que presta este servizo nos colexios de Gondomar, xa tivo problemas idénticos en varios colexios de Tui, coincidentes no tempo e nos ingredientes cos acaecidos nos colexios de Gondomar.

O Partido Popular de Gondomar presentará unha moción ao pleno de decembro para pedir explicacións ao goberno municipal sobre as incidencias acontecidas cos comedores escolares, esixindo responsabilidades polas neglixencias acontecidas e pedindo un plan de acción para remediar esta situación que están padecendo os cativos dos colexios públicos e que neste mes de novembro se veu acentuado creando unha alarma social entre os pais e nais.

“Unha vez máis este goberno do Concello de Gondomar se esquece de algo básico como é a educación e a saúde dos cativos, non é de recibo que a concelleira de Educación, a de Sanidade e o alcalde do Concello de Gondomar se queden de brazos cruzados ante un problema tan grave como é a saúde dos alumnos dos colexios públicos de Gondomar”, afirma a voceira do Partido Popular, Paula Bouzós.