Gondomar abrirá o luns a oficina de atención aos afectados polos incendios

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Reunión para analizar os danos sufridos polos incendios forestais.

O Concello de Gondomar abrirá ao público este luns unha oficina de atención cidadá á que poderán dirixir as súas consultas as persoas e asociacións afectadas polos incendios forestais. A nova oficina terá a súa sede física no Centro Neural, en dependencias da Policía Local. Unha enxeñeira forestal e un Licenciado en Ciencias Ambientais atenderán ao público de luns a venres en horario de 17 a 21 horas. Quen precise contactar coa oficina pola mañá serán atendidos por un axente da Policía Local que recollerá datos e documentación.

O seu labor será atender á xente, escoitarlles, tomar nota das súas demandas ou peticións para coordinar toda a información e trasladala aos organismos correspondentes ou directamente á Comisión de Seguimento, para articular axuda psicolóxica, asesoramento xurídico ou atención de animais afectados polos incendios.

Na comisión multidisciplinar que se reunirá unha vez á semana, ademais do alcalde, Paco Ferreira, traballan de xeito conxunto o concelleiro de seguridade, o xefe da Policía Local, o sarxento da Garda Civil, unha psicóloga, un arquitecto, un asesor xurídico e unha clínica veterinaria que se implicou na iniciativa para atender as necesidades dos animais afectados polos incendios.

Para o alcalde, son as administracións as que «teñen que responder e dar a cara nestas cuestións, crear liñas de axudas, habilitar partidas orzamentarias para contracción de persoal, coordinar e elaborar un protocolo de actuación». O rexedor sostén que hai moito traballo por diante. Entre outros aspectos hai que coordinar a maquinaria, os medios técnicos e humanos, planificar a reforestación, recuperar os mananciais, pozos, traídas de augas, iluminación, telefonía, repetidores de comunicación, camiños, estradas, cortar árbores queimadas, repoñer sinalización, entre outros labores.

“Isto acaba de empezar, non é aínda o momento de felicitacións e recoñecementos, senón de traballar e colaborar cos afectados» subliñou Ferreira, quen ademais criticou a falta de implicación doutras administracións. «Aquí non se recibiu nin unha chamada desde a Xunta nin do Goberno de España, nin se convocou aínda reunión da Mancomunidade do Val Miñor. Unha vez máis, a cidadanía tivo que tomar a rúa e suplir o baleiro que as administracións públicas non cubriron nin están a cubrir de momento (fóra dos Concellos)», concluíu.

Anuncios