I Gala un Nigrán de Talentos para celebrar o Día Internacional da Discapacidade

O Concello de Nigrán, a través do grupo de traballo “Un Nigrán para todos”, ofrece este martes 3 a partir das 17:30 horas no Auditorio Municipal a “I Gala Un Nigrán de Talentos” coa que conmemora o Día Internacional da Discapacidade. O obxectivo desta xornada é visibilizar, a través dunha ducia de persoas como protagonistas, as diferentes aptitudes nas que cada un destaca. Paralelamente, o Concello lanza un reto viral para que as persoas amosen mediante unha fotografía en redes sociais o seu talento especial baixo o hashtag #UnNigrandeTalentos. A celebración deste día arrancará ás 11:00 horas dende a Casa do Concello cunha marcha ciclista.

“Todas as persoas, absolutamente todas, temos un talento especial, e no caso das persoas con diversidade existe unha tendencia a non visibilizalo socialmente, polo que dende o Concello queremos rachar con esta imaxe e estereotipo erróneo”, subliña o alcalde, Juan González.

Así, durante esta gala conducida polo director de Teatro do Ar Pedro Villar e que contará coa actuación da cantante Lucía Doval, intervirán persoas como Nacho Fernández, campión de España de slalom para persoas con parálise cerebral; Horacio Peláez, persoa con discapacidade intelectual que aprobou unha oposición a ordenanza; Berni Costas, campión de baloncesto en cadeira de rodas; Yolanda Manrique Pereira, pintora de renome internacional con trastorno do espectro autista… Unha ducia de talentos aos que o Concello de Nigrán desexa amosar o seu recoñecemento público á vez que contribuír a rachar coas etiquetas negativas sobre as diferentes capacidades das persoas.

Durante a gala, o Concello de Nigrán disporá das mochilas vibratorias e, para finalizar, o CEE de Panxón servirá uns petiscos elaborados polos seu alumnado.