A CEMMA presenta material divulgativo sobre a toniña

A toniña (Phocoena phocoena) é a especie de cetáceo máis senlleira e que está en peor situación de conservación en toda a Península ibérica. A especie desapareceu do Mediterráneo e é moi escasa no Cantábrico e Golfo de Cádiz, de momento o groso dos efectivos mantense entre o centro da costa portuguesa e Fisterra.

É por iso que a CEMMA puxo en marcha unha campaña a diferentes niveis para promocionar a súa conservación, por unha banda reclamando das administracións a toma de medidas urxentes e por outra banda unha campaña de sensibilización social, necesaria para que se coñeza a especie e que se esixa a posta en marcha de labores rectificadoras que permitan a sobrevivencia da especie.

Deste xeito a CEMMA vén de editar, coa axuda da Deputación de Pontevedra, dous materiais divulgativos orientados aos escolares, que serán presentados en Bouzas: Libro Cunchiña, para colorear, material de traballo para os máis cativos e a Revista Salseiro cunha banda deseñada e atractivas ilustracións, de orientación infantil e xuvenil.

Co gallo da edición dos materiais divulgativos sobre a toniña, con axuda da Deputación de Pontevedra, presentan a actividade este sábado día 30 ás 11:30 horas no salón de actos do Liceo Marítimo de Bouzas (Vigo).

Programa:

11:30 h. Benvida aos asistentes e presentación da xornada.
D. José M. Veiga. Vicepresidente do Liceo Marítimo de Bouzas.
11:40 – 12:10 h. Presentación dos materiais: Libro Cunchiña e Revista Salseiro.
D. Alfredo López. Biólogo CEMMA.
12:15 h. Preguntas e debate.
Reparto dos materias.
12:40 h. Fin da xornada.

Os libros poden solicitarse a través de: https://forms.gle/tLvX8Qv6QQzZ5RMK7 ou do Facebook da CEMMA: https://www.facebook.com/cemmacetaceos/