Nigrán adherirase ao sistema “VioGen” de seguimento integral de casos de violencia de xénero

O Pleno de hoxe en Nigrán estivo especialmente dedicado ao 25-N, Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, así, 5 minutos antes do mesmo realizouse unha concentración diante da Casa Consistorial á que asistiu toda a corporación e boa parte do alumnado do CEIP Humberto Juanes. Ademais, a corporación aprobou por unanimidade unha moción feita polo goberno local precisamente con motivo do 25-N e que, entre outros aspectos, inclúe iniciar os trámites para adherir ao municipio ao sistema “VioGen” de seguimento integral de casos de violencia de xénero, cuestión que xa viña apoiada dende o Centro de Información á Muller (CIM) e a Garda Civil.

O Sistema VioGen púxose en funcionamento no ano 2007 co obxectivo de establecer unha rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos, en calquera parte do territorio nacional. Os municipios que forman parte do Sistema VioGen subscriben un convenio coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e outro co Ministerio de Interior. Así mesmo, a Policía Local de cada concello firma un protocolo de coordinación e colaboración co corpo que, a nivel nacional, ten a competencia na demarcación, xa sexa Garda Civil, Policía Nacional, ou ambos. Neste protocolo delimítanse as funcións da Policía Local no eido da violencia de xénero, e se define o seguimento e reparto dos casos. “Un paso máis no que sumar esforzos é imprescindible”, resume o rexedor.

Así, o Concello de Nigrán sumouse un ano máis á conmemoración do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres con múltiples accións este mesmo día e coa campaña “En Negro contra as violencias” na que participan 160 establecementos comerciais, educativos e sociais do municipio, o maior número ata a data. A xornada arrancou ás 11:15 horas no IES Val Miñor co obradoiro “Por unha sociedade libre das violencias machistas” que o Concello de Nigrán ofreceu a través de Ciudad Ciencia para os alumnos de 3º da ESO. As investigadoras Concepción Castrillo e Ana Vicente, do Grupo de Estudos Socioculturais Contemporáneos da Universidade Complutense de Madrid, desprázanse ex-profeso a Nigrán para impartir este obradoiro onde explicaron conceptos e coñecementos crave sobre xénero e discriminación e, en especial, sobre as agresións sexuais. A continuación, as 12:00 horas (xusto antes do pleno) a corporación realizou unha concentración diante da Casa Consistorial á que asistiron alumnos do CEIP Humberto Juanes.

Xa pola tarde, terá lugar ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a inauguración da exposición fotográfica do Grupo de Acción Local Ría de Vigo-A Guarda (GALP 7) “O mar tamén ten mulleres”, que visibiliza o traballo feminino neste sector, historicamente nun segundo plano, e, a continuación, a proxección da película “El Refugiado”, probablemente un dos mellores retratos sobre a violencia de xénero xamais plasmado na gran pantalla.

2019-11-25 - IMG_7952

Anuncios