Gondomar lembra ás 52 mulleres vítimas da violencia de xénero

O Concello de Gondomar lembrou este mediodía ás 52 vítimas de violencia machista que nos deixa o ano 2019, ata o momento, lembrando o seu nome, a súa idade e o número de orfos que o seu asasinato deixou “porque hai que ter claro que tras as cifras había mulleres con nome e apelidos ás que as súas parellas ou ex parellas arrebatáronlles cruelmente a vida”.

Así o indicou o alcalde, Paco Ferreira, na concentración convocada polo goberno local con motivo da celebración do 25N, á que se sumaron outros integrantes da corporación municipal e preto de medio centenar de veciños e veciñas da localidade. Subliñou Paco Ferreira que “non podemos negar, como pretenden facer outros partidos, unha realidade como é a violencia contra as mulleres, ante a que como administración e como sociedade debemos facer unha fronte común, porque a violencia si ten xénero”, recalcou.

Pola súa banda a edil de Igualdade, Nuria Lameiro, leu o manifesto emitido con motivo do 25N no que lembrou que “son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que perseguen ás mulleres”. Así destaca a “dobre agresión que sofren as vítimas de violacións en grupo e de sentenzas que subestiman a súa situación de indefensión ante os agresores”.

“Para afrontar todas as violencias, é preciso recoñecer as graves brechas de xénero existentes no ámbito social, económico e cultural” recolle o manifesto apoiado por 129 municipios incidindo na prevención e educación como ferramentas básicas na loita contra a violencia.

Tras un minuto de silencio en memoria das vítimas, procedeuse á repartición de material informativo sobre a xornada no “punto vivo de igualdade”, situado durante toda a mañá na Praza da Paradela.

2019-11-25 - image2