A Garda Civil desarticula dous importantes puntos de venda de drogas en Baiona

A Garda Civil desarticulou en Baiona dous importantes puntos de venda de drogas que se estaban distribuíndo desde un edificio situado nunha céntrica rúa do municipio.

A operación “Pufa-II”, levada a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil da mesma localidade, concluíu coa detención de oito persoas e a investigación doutra como presuntos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

Entre os detidos figuran os responsables dos dous puntos de venda. Trátase de dous curmáns que vivían en dous pisos distintos que están situados no mesmo edificio, onde se incautaron diversas cantidades de substancias estupefacientes, básculas de precisión e teléfonos móbiles.

A operación Pufa-II iniciouse o pasado verán inmediatamente despois de que unha destas dúas persoas fose detida o mes de xuño ao ser sorprendido cando realizaba unha transacción de droga nas proximidades do seu domicilio. Ao comprobar que continuaba dedicándose á mesma actividade, iniciouse unha nova investigación na que se puido constatar que no mesmo edificio vivía o seu primo que, supostamente, tamén se dedicaba ao miúdo de estupefacientes.

Despois de varios meses dunha complexa investigación, a pasada semana púidose interceptar e deter a un deles en pleno centro urbano de Baiona cando estaba a realizar unha venda. No interior do vehículo do comprador, onde se estaba facendo o intercambio, atopouse un billete de 20 euros, entre os dous asentos, e unha pequena cantidade de haxix.

Con este arresto activouse a fase de explotación da operación que levou á detención do seu primo e ao rexistro domiciliario nas dúas vivendas onde se incautaron distintas cantidades de estupefacientes: cocaína, haxix, marihuana, metadona, varias, substancias de corte, básculas de precisión e 10 teléfonos móbiles.

En base aos resultados e indicios obtidos no transcurso da fase de investigación procedeuse tamén á detención de seis novos máis e á investigación doutro, todos eles veciños de Baiona, como presuntos colaboradores e intermediarios nas operacións de compra venda da droga.

Tanto os detidos como o investigado quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer cando sexan citados no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde se entregaron as dilixencias e as drogas intervidas.

Anuncios