Podemos Nigrán e Baiona piden medidas para fomentar a igualdade dos centros de ensino

Podemos Nigrán e Podemos Baiona presentaron a mesma moción con medidas para fomentar a igualdade nos centros de ensino de cara ao 25N. En Nigrán a 20 de novembro de 2019 e en Baiona, no día de hoxe.

Dende Podemos Nigrán e Baiona, queren reafirmar o seu compromiso co feminismo e a loita contra as violencias machistas a través de medidas políticas, polo cal presentaron unha moción centrada na transformación dos centros de ensino en espazos onde se fomente a educación e convivencia en igualdade.

A loita contra as violencias machistas precisa dun consenso social ademais de medidas lexislativas que protexan ás mulleres e transformen as estruturas da nosa sociedade. Como indican as voceiras de Podemos Nigrán, Antía Fernández, e Rosa Leyenda, de Podemos Baiona, “entre as medidas estruturais a aplicar son fundamentais cuestións que teñen que ver coa educación para garantir a igualdade como criterio na formación das nenas e nenos”.

Así mesmo, sinalan que “a educación non se imparte só a través das materias incluídas no temario, senón que unha parte importante ten que ver cos modelos de convivencia, polo que introducir a fórmula de patios coeducativos propicia a transformación dos modelos actuais cara unha maior igualdade”.

Por outra banda, dende Podemos Nigrán e Podemos Baiona aseguran ser conscientes de que as novas tecnoloxías e as redes sociais tamén actúan como espazos de socialización, polo que é preciso acompañar tanto ás familias como ás nenas e nenos nese primeiro contacto con ferramentas que supoñen unha fórmula novidosa e complexa de relacionarse. “As redes sociais incrementan a nosa capacidade de relacionarnos pero tamén supoñen un mundo con límites imprecisos, polo que debemos ofrecer ferramentas para que as familias e os nenos e nenas que se aproximan elas non o fagan en situación de vulnerabilidade”, comenta.

“Estamos falando dun entorno moi amplo no que se replican comportamentos da vida cotiá, polo que incluír a perspectiva feminista para poder detectar comportamentos machistas, situacións de bullying ou fomentar o uso responsable das mesmas é fundamental para a crianza e desenvolvemento como persoas tanto para os nenos e nenas como para aqueles que comezan a camiñar a etapa adolescente”, rematan.

Anuncios