Area Loura, a Batucada Feminista e o Comando Ghichas convocan á veciñanza aos actos do 25N

Os colectivos do Val Miñor Asociación de Mulleres Area Loura, a Batucada Feminista e o Comando Ghichas convocan a toda a veciñanza a participar nos actos que se organizarán na Ramallosa o luns 25 de novembro ás 20:00 horas. Piden que as persoas que se acheguen o fagan vestidas de negro ou lila e, se queren participar activamente na batucada, leven instrumentos e se acheguen media hora antes do comezo, ás 19:30, para facer un ensaio previo.

O obxectivo destas accións, unha vez máis, é romper co silencio berrando forte contra as violencias machistas e contra o feminicido, contra o machismo e o patriarcado que permanecen vivos na rúa, nos fogares, no traballo e nas institucións.

A vergoñenta sentenza no caso da “manada” de Manresa, na que a violación múltiple a unha menor inconsciente é considerada como “abuso sexual”, pon de manifesto a pouca vontade de cambio nas institucións xurídicas do patriarcado, xordas ás multitudinarias protestas que se deron na anterior sentenza da “manada” de Pamplona.

O aumento das agresións sexuais en grupo nos últimos anos, 63 agresións múltiples no 2019, é un indicador de que non avanzamos, pola contra parece que máis ca nunca a agresión ás mulleres está na rúa. A cifra de mulleres asasinadas este ano no estado son 66 -15 máis das que indican as estatísticas oficiais, nas que non se contan aquelas mulleres que son agredidas por homes fóra da relación de parella.

O número de nenas e nenos que quedan orfos de nai, as milleiras de agresións de todo tipo á parte dos asasinatos… Son realidades que non poden quedar ocultas nin silenciadas.

Queren lembrar, unha a unha, a cada vítima dos asasinatos machistas, os seus nomes propios, non como números dunha listaxe, e quen berrar por elas: Nin unha vítima máis! O machismo mata! Querémonos vivas, libres, iguais e respectadas!

Anuncios