Manifesto Miñor presenta emendas aos orzamentos da Xunta a través de En Marea

Manifesto Miñor, como organización política de ámbito comarcal, e en coherencia co seu programa electoral que trata ao Val Miñor coma unha comunidade humana moi ligada entre si por razóns de todo tipo, e onde os problemas estruturais deben ser tratados conxuntamente para que as solucións sexan de utilidade para a maioría, e con visión de futuro, a través do Grupo Parlamentar de En Marea, por medio dos parlamentarios Davide de Manzaneda e Luís Villares, vén de presentar unha serie de emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2020, “que pola incidencia que poderían ter na poboación miñorá de seren aceptadas considerámolas prioritarias”, sinala Antonio Araújo. Están centradas en cuestións moi básicas como son a mobilidade, o saneamento e a sanidade.

1ª.- Suprimir a peaxe da Autoestrada Vigo-Baiona (AG-57), rescatar a concesión e convertela nunha vía de comunicación que sexa tamén de uso interno para unha comarca de máis de 50.000 habitantes permanentes e que os duplica no verán. “Isto sen dúbida axudaría a resolver o problema de mobilidade interna que temos no Val Miñor, funcionando na práctica cunha unha verdadeira circunvalación de Vincios, Gondomar, Baiona e de accesos aos polígonos industrias da Pasaxe e de Porto do Molle. Nós non saberíamos cuantificar este gasto, plurianual ou non”.

2ª.- Construción do paseo fluvial pola beira do Río  Miñor entre Gondomar e A Ramallosa. “Esta obra tan necesaria por diversos motivos, ademais de axudar a unha mobilidade das persoas sustentable, tería enormes beneficios económicos para a comarca, especialmente para Gondomar, ao conectar o interior do Val Miñor cos paseos existentes na beiramar. Obviamente por unha cuestión de saúde, lecer, etc. O custe a día de hoxe pode andar sobre os 600.000€. Existe un proxecto do ano 2007 que anda sobre os 400.000€”.

3ª.- Resolver a conectividade da comarca do Val Miñor, internamente entre parroquias e concellos, pero sobre todo co exterior. “Con Vigo, coa UVIGO, cos hospitais de referencia , etc, dado que a día de hoxe descoñecemos en que quedou o Plan de Transporte proposto pola Xunta”.

3-a) Construción de accesos directos dende a autoestrada AG57 ao CUVI dende Marcosende (intercesión a distinto nivel coa Rúa Clara Campoamor até o CUVI) en ambas as dúas direccións, entrada e saída.

3-b) Construción de accesos en ambas as dúas direccións (entrada e saída) dende a parroquia de Borreiros que permita a conexión coa rotonda de Sabarís, co obxecto de facilitar a mobilidade dos núcleos de poboación da marxe esquerda do Río Miñor.

O custe aproximado destas dúas propostas (3-a e 3-b) andará na cantidade de 3 millóns de euros.

4ª.- Saneamento do Barrio da Pedra en Morgadáns-Gondomar. “O Barrio da Pedra é un barrio singular, cunha configuración urbana moi singular, único en Gondomar, que conserva aínda a  fasquía das súas orixes do S. XVIII: casas antigas, igrexa, enlastrado  das rúas, vivendas acaroadas, etc… pero, non ten saneamento coa conseguinte problemática mesmo, de salubridade pública. Existen varios proxectos redactados ao respecto, tanto por parte do Concello coma de Augas de Galicia pero, nunca ninguén se puxo mans a obra. O orzamento das obras ascendería aproximadamente á cantidade de 600.000€”.

5ª.- Maior dotación de persoal sanitario e non sanitario, así como de material, no PAC Val Miñor da Xunqueira. O PAC  da Xunqueira atende durante todo o ano a unha poboación de 50.000 habitantes estables que no verán duplícase ou máis. Pola súa condición de PAC tócalle atender todas as urxencias da comarca pola tarde, e o problema dáse , por exemplo, cando un doente precisa dunha radiografía. Pois ben, de tarde non hai persoal que atenda esta necesidade co cal hai ir a Vigo cando moitas veces os facultativos poderían resolver alí simplemente con esta ferramenta. Como mínimo sería reclamar este servizo polas tardes para as urxencias.

Anuncios