
A planta primeira da escola de Guillufe, en Morgadáns, acolleu este sábado o acto de entrega do XII Premio de Poesía Victoriano Taibo, organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns. O xurado resolveu que o libro gañador era o presentado co título de “Mover os Marcos” que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Francisco Javier Fernández Davila, poeta vigués aínda que miñorán de adopción. O xurado salientou deste libro a unidade temática e estética á hora de expresar non só unha perda, tamén un transo vital en continuo ciclo, cunha voz poética forte e propia que mantén o pulso ao longo de toda a obra.
O acto, conducido por Pedro Rodríguez e o seu grupo Teatro do Ar, estivo amenizado pola banda de gaitas Balcón do Miñor de Morgadáns e contou coa actuación da bailarina Furma Rial. Despois de ser introducido pola poeta miñorá e membro do IEM Marta Dacosta, Francisco Javier Fernández Davila recolleu o galardón, dotado con 3.000 euros e unha peza escultórica obra do artista miñorán Fino Lorenzo e fabricada desinteresadamente por Carpintería Meixoeiro, da man de Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, para logo recitar algúns poemas do seu libro.
Despois da clausura do acto por parte do alcalde Francisco Ferreira houbo un albaroque de confraternización no soto do edificio onde asistentes e participantes puideron intercambiar opinións e o autor asinou libros para quen o desexou.