O colexio de Goián crea os premios á diversidade: Iria Misa ou Desirée Vila, nomeadas

Os alumnos e alumnas do colexio Pintor Antonio Fernández de Goián entregarán a partir do mes de decembro o premio á diversidade, un premio deseñado polos alumnos e alumnas da clase de sexto curso xunto á súa titora Marina Vidal e que cada mes entregarán a unha persoa ou colectivo que levase a cabo algunha iniciativa que axude no camiño cara a un mundo máis diverso no que prime o respecto e a tolerancia.

A idea xurdiu hai un mes na propia clase de sexto a partir dunha noticia comentada por un neno da aula na que dúas xogadoras de fútbol eran insultadas gravemente despois de subir ás redes sociais unha foto como parella onde aparecían abrazadas.

No debate que se produciu na aula os nenos e nenas valoraron moi positivamente a actitude de ambas as dúas mulleres que defendían o seu dereito para amarse por encima do odio irracional dalgúns e chegaron á conclusión de que había que premiar actitudes tan positivas como esa que tanto axudaban a crear unha sociedade máis xusta e máis tolerante e puxéronse ao choio. Crearían os premios á diversidade de Goián.

Desde a área de plástica e visual deseñaron e crearon con arxila os diferentes premios que serán entregados polo centro educativo ao longo de todo o curso. Desde decembro e ata xuño outorgarán un premio mensual.

Algúns dos nomeados a este premio, que foron propostos polos propios alumnos e alumnas, son Iria Misa, escritora do libro “Mamá quiero ser Ziggy Stardust”, a deportista Desirée Vila, a Fundación Daniela, que traballa por defender os dereitos dos nenos e nenas trans, o Club de Baloncesto en cadeira de rodas Iberconsa Amfiv e, como non, as xogadoras de fútbol Teresa Abelleira e Patricia Curbelo, entre outros.

O primeiro dos premios será entregado durante o mes de decembro e os alumnos e alumnas queren con eles render unha homenaxe a diferentes persoas e colectivos que traballan pola diversidade e alzar as súas voces para pedir desde Goián liberdade e respecto para crear entre todos un mundo máis diverso e tolerante.

Anuncios