Gondomar colocará “bancos da amizade” feitos por usuarios do Centro Juan María

O Concello de Gondomar quere sumarse a unha integradora iniciativa da nova Acacia Woodley, que naceu sen unha man e sen dous dedos doutra, sendo vítima por iso de burlas e de bullying (acoso escolar), o que a levou a dirixirse por carta á directora do seu colexio para propoñerlle colocar no patio un “banco da amizade”, que como recolle a carta di: “Ten que ser un banco de coloríns e cun cartel que poña “banco da amizade” para quen sente só sente e alguén lle ve sentado e pregúntelle: Queres xogar comigo?”.

Seguindo esta iniciativa, o goberno gondomareño colocará “bancos da amizade” nos parques infantís, e se calquera centro educativo, mediante carta manuscrita polos alumnos, pide un, atenderán gustosamente a petición e colocarán no patio do seu colexio un “banco da amizade”. “Os primeiros catro “bancos da amizade”, xa se están construíndo, no Centro Juan María, por alumnos do mesmo centro, que serán os encargados non só de facelos, senón de colocalos e ser os primeiros en usalos nos centros educativos ou parques infantís onde sexan colocados”, sinalou o alcalde, Paco Ferreira.

Anuncios