Os escolares de Gondomar deseñan camisetas contra a violencia de xénero

O goberno de Gondomar, a través da súa Concellería de Igualdade, buscou a implicación dos máis novos nos preparativos dos actos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o próximo día 25. O alumnado de 3º de primaria dos centros escolares do municipio participan na iniciativa “Camisetas comprometidas”, deseñando diferentes modelos con lemas creados por eles mesmos.

A promoción da igualdade entre homes e mulleres, e a prevención da violencia de xénero son o punto de partida proposto aos pequenos deseñadores, cos que previamente o profesorado traballou facilitándolles documentación sobre os contidos que se ían a abordar, como son as desigualdades educativas, laborais, de acoso ou a violencia de xénero.

Desde o departamento de Igualdade, que dirixe a edil Nuria Lameiro, búscase así a concienciación das novas xeracións facilitando con este tipo de iniciativas “a súa implicación e sensibilización en cuestións tan importantes como a violencia de xénero, mediante un proceso lúdico e dinámico”.

En cada centro desenvolvéronse catro sesións de traballo con cada grupo de alumnos/as . Cunha duración de case dúas horas en cada caso, buscan poñer ao seu alcance modelos de actuación libres de estereotipos, fomentar as técnicas de resolución de conflitos e xestión de desacordos, á vez que se reafirman valores tan importantes como son a asertividade, a empatía ou unha correcta xestión das emocións.

“Camisetas comprometidas” é unha das iniciativas que conforman o programa que desenvolverá a Concellería de Igualdade con motivo do 25N, xornada na que o goberno municipal celebrará unha concentración con lectura de manifesto, así como repartición de información e material que lembra a importancia de denunciar a violencia machista e traballar a favor da igualdade real como medio para erradicala da sociedade.

Anuncios