A Xunta elimina un punto de vertedura de augas residuais no lugar da Ponte en Baiona

A Xunta eliminou un punto de vertedura de augas residuais no lugar da Ponte, no concello de Baiona. Os técnicos do Plan de Control de Verteduras, dependentes de Augas de Galicia, localizaron este foco cara o rego Guillade, tras recibir unha alerta a través do Servizo de Emerxencias 112.

Unha vez realizadas as inspeccións correspondentes, os técnicos constataron que a vertedura tiña lugar a través dunha tubaxe procedente dun baño portátil instalado nunha obra de construción. Augas de Galicia requiriulle ao responsable das obras a adopción das medidas oportunas destinadas á solución da vertedura que se producía ao dominio público hidráulico.

Nunha nova inspección á zona, os inspectores verificaron a eliminación da vertedura de augas residuais mediante a anulación da condución procedente do baño que vertía ao rego Guillade.