Alerta por temporal costeiro de nivel vermello no litoral da provincia de Pontevedra

FOTO: VIGOE.ES // Temporal na zona do Rompeolas en Baiona.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel vermello que afectará ao litorais das provincias da Coruña e Pontevedra a partir de mañá. Ademais, desde as 00,00 horas, quedará tamén activado o nivel de alerta laranxa por neve nas zonas de montaña de Lugo e Ourense que pode acadar espesores superiores aos 20cm en zonas por riba dos 800-900 metros

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), dende primeiras horas desta tarde, o litoral da Coruña e a partir da madrugada nos litorais de Lugo e Pontevedra activase alerta laranxa con vento do oeste e suroeste de forza 7, que pode acadar ata forza 9 e mar combinada do noroeste con ondas de ata 8 metros.

Este nivel de alerta laranxa pasa ser de nivel vermello a partir das primeiras horas de mañá nos litorais de Pontevedra e A Coruña, con mar combinada do noroeste que pode acadar ondas de 9 metros, con especial incidencia na costa da Morte, onde poden acadar os 10 metros e o vento, que será do oeste-noroeste, pode acadar forza 9.

Debido a que o fenómeno meteorolóxico coincide con mareas vivas e máximos de ondada na preamar é probable que que teña especial incidencia en puntos sensibles, na costa da morte e nas Rías Baixas. A situación manterase ata o final de mañá que pasará a haber alerta laranxa en todo o litoral galego.

Suspensión actividades pesqueiras e marisqueiras

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Unha recomendación que é extensible á pesca deportiva e a outras actividades deportivas no mar. Tamén se insta a extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera outro tipo de actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas. . Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios