Gondomar publica as bases do “Mercado do Nadal” e convida o comercio local a participar

O goberno local de Gondomar, a través da súa Concellería de Comercio, publicou as bases para a instalación dun “Mercado do Nadal” no que confía contar coa implicación dos comerciantes do municipio. A iniciativa, que se desenvolverá os días 1, 8 e 15 de decembro, busca dinamizar a economía local á vez de servir como atractivo turístico que poida achegar máis visitantes á localidade durante as datas do Nadal.

Segundo as bases, ás que se pode acceder en www.concellodegondomar.gal, o “Mercado do Nadal” centrarase na venda de produtos tipicamente do Nadal, creando un espazo de intercambio entre os distintos comerciantes e os veciños/as, así como de quen visite Gondomar en Nadal, “favorecendo o desenvolvemento local e a economía do noso concello”.

Os interesados/as en participar poderán presentar as súas solicitudes no rexistro municipal do concello, sendo o procedemento de selección por “rigorosa orde de entrada, tendo sempre preferencia os negocios de Gondomar”. A Praza da Paradela acollerá este Mercado do Nadal que integrarán, inicialmente, 20 casetas de madeira, identificadas cun mantel vermello nos seus mostradores, unha das cores que marcará o programa de actividade e iluminación do Nadal que prepara xa o goberno local.

A decoración dos postos correrá a cargo dos seus ocupantes tendo que ser “o máis atractiva posible, adecuándose á temática e estética das datas nas que se desenvolverá”.

Non se quere deixar de lado o carácter solidario de Gondomar que, sobre todo nestas datas, sempre ten presentes a quen máis necesidades poden ter. Por iso os comerciantes que queiran participar no Mercado do Nadal deberán “no momento da inscrición entregar 1 quilo de produtos non perecedoiros ou típicos de Nadal, co fin de colaborar co Banco de Alimentos Municipal”.

O prazo para presentar a documentación precisa será de oito días hábiles a partir da publicación das bases, e deberá entregarse no rexistro municipal do Concello en horario de 08:00 a 14:00 horas de luns a venres.

Anuncios